Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Performance «O amor non sempre triunfa»

Evento xa rematado

Co gallo do 25 de novembro, Día da Non Violencia Contra as Mulleres, celébranse diversos actos organizados desde o Centro de Información ás Mulleres de Bueu. Concretamente, o IES Johán Carballeira acolle o 26 de outubro unha performance titulada “O amor non sempre triunfa” ás 11.55 horas.

Esta actividade, dirixida aos centros educativos, ten como obxectivo levar aos máis mozos e mozas a reflexionar sobre as relacións amorosas, a través de ideas como a omnipotencia do amor e a eternidade do mesmo ou o mito da “media laranxa”. A sesión terá unha duración dunha hora e dividirase en dúas partes. Ao comezo, Jorge García Marín, profesor de Socioloxía da USC e experto en xénero, levará a cabo unha disertación explicando a performance e as consecuencias do amor romántico. A continuación, catro persoas levarán a cabo un espectáculo para deconstruír o amor romántico e prever a violencia de xénero.

Desde o departamento local levan traballando durante moitos anos para mudar a sociedade e lograr a igualdade entre homes e mulleres desde a educación. Por iso, nas efemérides do 25 de novembro e 8 de marzo, os grandes protagonistas son os alumnos e alumnas dos centros de primaria e secundaria da vila, a través da convocatoria de diversos certames e de elaboración de declaracións conmemorativas. Así será tamén na programación que se está ultimando e que se dará a coñecer proximamente.