Obradoiro de urbanismo e infancia ‘A vila do mañá’
Evento xa rematado
-
Inicio
30 julio, 2018
8:00 am -
Fin
3 agosto, 2018
8:00 am
No marco do fomento de políticas activas para a infancia e a mocidade, o Concello de Bueu promove o obradoiro “A vila do mañá”, un proxecto destinado á rapazada de entre 5 e 12 anos que se celebrará en diversos espazos públicos do municipio do 30 de xullo ao 3 de agosto. O obradoiro consta de 75 prazas e é totalmente gratuíto, aínda que se deberá realizar a inscrición previa (do 17 ao 26 de xullo) no Departamento de Cultura, a través do correo electrónico cultura@concellodebueu.gal ou no teléfono 986324338.
A iniciativa forma parte dun proxecto da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego e baséase nas ideas de Francesco Tonucci, que relaciona a infancia co urbanismo e patrimonio das vilas, reforzando así o sentimento de pertenza ao lugar, a identidade e tamén achega conceptos sobre planificación urbanística.
«A vila do mañá» (tamén leva o nome de «A cidade do mañá» en determinados concellos) é un proxecto dirixido pola laureada arquitecta Sandra González Álvarez e o seu equipo ( PØSTarquitectos). A forma de traballar será a de ver a cidade e invadir os espazos a través de xogos, marcos, espellos, liñas e cintas, elementos tridimensionais e globos.
As experiencias, que tamén foron levadas a cabo, en Rianxo, Ames, Verín, A Pobra do Caramiñal, Mondoñedo e Ribeira, dan lugar á edición dun libro específico do concello. “A vila do mañá” é un proxecto educativo cuxo obxectivo é que desde a infancia e a través do xogo se tome conciencia de todas as escalas do común: a arquitectura, o patrimonio, o urbanismo e a paisaxe.
O obxectivo principal é que a infancia e a adolescencia estean presentes de forma activa nos procesos de construción do espazo común (praza, barrio, cidade, vila), dotándoos das ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade, desde a arte e a arquitectura. O fin é provocar neles o espertar dunha nova ollada sobre os espazos nos que desenvolven a súa vida e os seu tempo de lecer e divertimento.