Obradoiro «Campionato de xogos con risas aseguradas»

  • As persoas interesadas en participar neste curso, financiado no marco do programa provincial Tecendo Lazos, deberán inscribirse entre o 16 de setembro e o 4 de outubro

O Concello de Bueu abre o prazo para que as persoas interesadas se inscriban no obradoiro “Campionato de xogos con risas aseguradas”, organizado no marco do programa da Deputación Provincial de Pontevedra ‘Tecendo Lazos’. A actividade celebrarase do 18 de outubro ao 20 de decembro entre as 18 e as 20 horas na sala de usos múltiples do Centro de Benestar Social (Eduardo Vincenti, nº 28).

O obradoiro buscará mellorar a relación entre as persoas maiores e as máis pequenas, para aumentar a empatía e considerar a importancia que esta ten no día a día. Ademais, ensinaranse técnicas para rir en familia e coa veciñanza e aprender a facelo nos demais días do ano.

O obxectivo primordial é fomentar a comunicación e contacto interxeracional e promover unha actitude positiva ante a vida. A concelleira de benestar social, Inmaculada Rodríguez, salienta que “decidimos apostar de novo por esta actividade dada a fantástica experiencia de fai dous anos”.

O prazo de inscrición estenderase do 16 de setembro ao 4 de outubro, coa presentación no Rexistro Xeral da solicitude de inscrición dispoñible na web municipal (www.concellodebueu.gal).