Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Mercado ecolóxico e artesanal

Evento xa rematado

  • O evento terá lugar na carpa dos Xardíns de Urbano Lugrís – As Lagoas, e contará con charlas, demostración de coctelería, actividades para a rapazada e adultos e máis dunha vintena de postos gastronómicos, ecolóxicos e artesanais
  • Félix Juncal, alcalde da vila, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salientan que se trata dun “proxecto que demostra o compromiso polos produtos locais e a concienciación na sociedade”

O Concello de Bueu celebra este domingo, 28 de novembro, unha nova edición do Mercado Ecolóxico e Artesanal, un evento que se celebrará na carpa dos Xardíns de Urbano Lugrís – As Lagoas entre as once da mañá e as oito da tarde. Máis dunha vintena de postos ecolóxicos, gastronómicos e artesanais, obradoiros para a cativada e persoas adultas, demostración de coctelería e charlas, serán algunhas das actividades deste mercado que se concibe coma un escaparate para produtores.

Trátase dun proxecto que demostra o compromiso polos produtos locais e a concienciación medioambiental na sociedade”. De aí que ademais da venda de produtos locais, de quilómetro cero, e de tempada, se sumen as actividades paralelas que permitirán aprender e gozar dun día en familia.

A programación iniciarase ás 12.30 horas cunha charla sobre cultivo de froitos secos en Galicia, a cargo de Pedro Álvarez, director industrial e de planta de “El Nogal”, na que se presentará un proxecto piloto que puxeron en marcha dende a marca de implantación de abeleiras nos montes galegos. A esa mesma hora, a cativada poderá participar no obradoiro infantil de reciclaxe “Homiños de pau” no que se ensinará como elaborar fermosas figuras cos paus das árbores. Ás 13.00 horas haberá unha demostración de coctelería e sesión vermú con produtos ecolóxicos, acompañada da actuación musical da charanga BCB.

Xa pola tarde, e despois da oportunidade de xantar na carpa, ás 17.30 horas está programado un obradoiro de decoración de pezas de olería para a rapazada, que será impartido pola marca de cerámicas marinense “Alén das olas”.

Este mercado ecolóxico naceu hai máis de dez anos, sendo o Concello de Bueu dos primeiros municipios en poñer en marcha iniciativas coma estas, e contando de edición en edición cun gran arraigo tanto entre o público asistente como entre os postos vendedores. Despois dun parón pola Covid-19, o Concello recupera esta actividade na que haberá unha gran variedade de postos de venda, como hortalizas, sementes, fungos, conservas, panadería e restauración, queixos, viños, marmeladas, mel, e artesanía. Este mercado contará con todas as medidas hixiénico – sanitarias establecidas pola pandemia, como son as distancias entre os postos e a súa celebración ao aire libre.