Letras Galegas 2021
Evento xa rematado
-
Inicio
15 mayo, 2021
12:30 pm -
Fin
17 mayo, 2021
2:00 pm
-
Recitais poéticos, contacontos ilustrados ou entregas de premios son algunhas das actividades que se programan entre o 15 e o 17 de maio na vila bueuesa
O Concello de Bueu honrará este ano a Xela Arias cunha serie de actos culturais que se estenderán polas tres parroquias e que levarán as letras da poeta e tradutora sarriá ás rúas, ademais de propoñer unha campaña de apoio ás librarías bueuesas.
O 15 de maio, o Eirado de Cela acollerá ás 12.30 h o acto de entrega de premios do II Concurso de microrelatos das Letras Galegas e o II Concurso de narrativa escolar das Letras Galegas, organizados ambos pola Asociación Cultural Costumes de Cela co obxectivo de fomentar a creación en galego e que este ano trata sobre a maternidade; e que contará coa actuación do grupo de pandereteiras de Recordos da Nosa Terra.
O domingo 16 entregaranse os Premios Johán Carballeira, ao que asistirán Marta Veiga, gañadora na categoría de xornalismo pola reportaxe ‘Cantigas para despois dunha pandemia’, e Xandra Táboas e Adrián Mosquera, que se fixeron co galardón en poesía pola obra colectiva Dou clases de ioga por videoconferencia. Esta actividade celebrarase ás 12.00 h no Parque Ramal dos Galos e estará acompañada dunha actuación de Xardín Desordenado arredor da figura de Xela Arias. Xa pola tarde, ás 18.00 h, a cativada poderá gozar dun contacontos ilustrado sobre a homenaxeada nas Letras Galegas co grupo Polo Correo do Vento, tamén no Parque Ramal dos Galos.
E o 17 de maio, Día das Letras Galegas, ás 12.00 h, os eventos trasladaranse ao lugar de Sanamedio, en Beluso, onde se celebrará un recital de microaberto no que as persoas asistentes poderán ler poemas de Xela Arias, e se culminará coa actuación de Palleta Mollada.
Campaña de apoio ás librarías
Con motivo das Letras Galegas, o Concello impulsa unha campaña de apoio ás librarías da vila, concretamente Abrente, Miranda, Marpau, Anguián e Gaidil. A iniciativa consiste na elaboración dun póster de Xela Arias cun poema no que irían colocados – a modo de cromos nun álbum- seis marcapáxinas que habería que conseguir. Cinco deles repartiríanse nas cinco librarías participantes e o sexto poderá solicitarse nas bibliotecas municipais na que, por certo, tamén poderá recollerse un comodín que supla o marcapáxinas de calquera das librarías. As persoas que completen o póster recibirán de premio un libro de Xela Arias que recollerán directamente nas librarías. Os títulos que se poderán conseguir con Intempériome (Libraría Abrente), Poesía reunida (Anguián), Denuncia do equilibrio (Marpau), Darío a diario (Miranda) e Non te amola! (Gaidil). O Concello adquiriu cen libros en total, que se ampliarán de existir demanda.