IV Xornadas pola Diversidade Afectivo – Sexual
Evento xa rematado
-
Inicio
26 junio, 2021
12:00 pm -
Fin
2 julio, 2021
11:00 pm -
Praza Massó
Praza Massó, s/n, 36930, Bueu
O Concello de Bueu organiza a finais de mes as IV Xornadas pola diversidade afectivo – sexual, cun programa que se desenvolverá o 26 e 28 de xuño e o 2 de xullo, e co que se busca crear conciencia sobre a identidade persoal e a liberdade sexual.
O programa deste ano incide na realidade das persoas transexuais, “que están sendo moi atacadas por diversas frontes, tamén a raíz da Lei Trans” e por iso o 26 de xuño, ás 12.00 horas, abriranse as xornadas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar coa presentación do libro Identidade, de Nee Barros (Editorial Galaxia), e a iniciativa “A roupa non ten xénero”, que xermolou dende o IES Johán Carballeira. As persoas asistentes poderán reflexionar sobre conceptos como a identidade e a realidade sexual, ou a liberdade de expresión das persoas. E é que o libro de Nee Barros concíbese coma unha obra de teatro que fala da liberdade, da necesidade de ser e, sobre todo, da identidade, e pivota arredor da pregunta “e se nacemos nun molde equivocado?”. Moi en relación con esta idea naceu en novembro do ano pasado “A roupa non ten xénero” dende o IES Johán Carballeira, un centro que conta cun equipo especializado que presentará tamén outras propostas nas que traballaron durante todo o curso escolar.
O luns 28, Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+, o recoñecido youtuber boirense Olaxonmario lerá o manifesto conmemorativo desta data na Praza Massó, dando paso despois á proxección do filme “Call Me By Your Name” de Luca Guadagnino, que se poderá ver no Centro Social do Mar ás 21.30 horas con entrada de balde ata completar aforo.
O 2 de xullo, a Praza Massó acollerá a actuación“A Drag Pandeireteira” a cargo de Meiga-i, despois da que terá lugar un faladoiro arredor do mundo drag e da súa experiencia persoal. “A Drag Pandeireteira” é un espectáculo que mestura a tradición coa reivindicación, e na que atoparemos espíritos de cantareiras galegas que posuirán á Meiga-i.
Tamén, e como vén sendo habitual, durante esa semana realizarase o pintado dun dos bancos da Praza Massó e un taboleiro da diversidade realizado polo artista local Josuha Acuña “Xanbreo”.