IV Bandeira de Traineriñas Concello de Bueu
Evento xa rematado
-
Data
12 mayo, 2018
-
Hora
5:00 pm - 8:00 pm
Como xa vén sendo habitual, o Club do Mar de Bueu Teccarsa, organiza este sábado, 12 de maio, a IV Bandeira de Traineriñas, que se desenvolverá na modalidade en liña e que contará coa participación de preto de duascentas persoas de varias tripulacións, tanto absolutas masculinas, como absolutas femininas e xuvenís masculinas, do Club de Remo Chapela, Club Deportivo Samertolameu, Club Remo Coruxo, Club Remo Amegrove, Club Cultural Deportivo Cesantes, Club de Remo Mecos, Sociedade Deportiva Tirán, Club Deportivo Vilaxoán e Club de Remo Bueu.
A regata, que conta coa colaboración do Concello de Bueu, sairá ás 17.00 horas en tandas separadas dende o peirao de Bueu ata Agrelo e premiará cunha bandeira a categoría masculina e outra a feminina.
Esta competición é a terceira da Xornada de Traineriñas (as dúas primeiras tiveron lugar en Vilaxoán e Coruxo). Con ela e a falta doutras regatas clasificatorias, os remeiros e remeiras inician o camiño cara o Campionato de España de Traineriñas, que se disputará na localidade cántabra de Castro Urdiales o vindeiro 3 de xuño.
O Club bueués non cesa de conquistar vitorias no eido do remo, e por iso a semana pasada o Concello organizou unha recepción oficial á tripulación de bateis, que acadou o título autonómico absoluto na competición celebrada o 22 de abril en A Pobra do Caramiñal, ademais da medalla de bronce dos cadetes masculinos. Tamén foron ao Campionato de España, que tivo lugar no lugar de Moaña, onde os cadetes acadaron un terceiro posto.