III Trail do Nocedo
Evento xa rematado
-
Data
7 marzo, 2024
-
Hora
8:00 am - 8:00 am
- O Parque Joe Novas será o punto de saída e chegada do trail e do trailiño o próximo domingo ás 9 horas
- A organización outorgará varios recoñecementos e trofeos para estas probas nas que participarán un total de 369 persoas
A Asociación Veciñal por Beluso (Asbel), coa colaboración do Concello de Bueu e doutras entidades, organizan o próximo domingo, 10 de marzo, o III Trail do Nocedo, un proxecto que une a divulgación do patrimonio da parroquia bueuesa e o deporte máis activo.
A actividade terá unha parte deportiva cun trail de 27 quilómetros e 1500 metros de desnivel, e un trailiño que consta de 15 quilómetros e 600 metros de desnivel. As probas tomarán saída ás 09.00 horas dende o Parque Joe Novas de Beluso, onde comezarán a correr as 117 persoas inscritas para a modalidade do trail e, posteriormente, ás 10 horas, as 252 do trailiño.
A organización prevé varios trofeos: no caso do trail, haberá premio para o 1º clasificado/a na absoluta, e para os tres primeiros clasificados nas modalidades de senior (ata 39 anos), veterán/a de 40 a 49 anos, veterán/a de 50 ou máis anos, así como para o 1º do trailiño e equipos. A iso haberá que sumar os recoñecementos, que se outorgarán ao 1º inscrito/a no evento, ao deportista que proveña de máis lonxe, ao participante máis veterán/á, ao equipo con máis participantes, e ao 1º clasificado/a de Bueu.
Pero non será esta a única actividade da mañá do domingo, pois os deportistas pasarán durante o percorrido por seis áreas patrimoniais e culturais da parroquia de Beluso, onde haberá recreacións nas que se poñerán en valor costumes e tradicións: a pesca artesanal, en Area de Bon, a recollida de leña no río Nocedo, a cantería, a gandería de Vilar etc. O obxectivo é unir o deporte coa posta en valor da zona.