Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

III Festival Artístico Solidario Art For Change

Evento xa rematado

  • O evento, promovido polo IES Johan Carballeira e o Concello de Bueu, insírese no proxecto Erasmus + e dedicarase á cultura celta baixo o título de «Raíces e Identidades»
  • As actividades estenderanse entre as 11 e as 21 horas na Biblioteca Municipal Torrente Ballester e no Parque Ramal dos Galos

A vila de Bueu vivirá o próximo sábado, 27 de abril, un día ateigado de ciencia e arte, pois o IES Johan Carballeira e o Concello de Bueu promoven o III Festival Artístico Solidario ‘Art for Change’, no que colabora toda a comunidade educativa, as asociacións de nais e pais da vila, os centros educativos e diversos colectivos da comarca. Ao longo de toda a xornada estenderanse na Biblioteca Municipal Torrente Ballester e no Parque Ramal dos Galos as actividades a través das cales se achegará a ciencia e a arte aos diversos sectores da cidadanía, e coas que tamén se recadarán fondos para as asociacións Amencer de Pontevedra, asociación que presta atención de calidade ás personas con parálise cerebral e outros trastornos neuro-motores, e A Illa dos Ratos de Cangas, que organizan rutas pola contorna cuxo obxectivo é dinamizar e diversificar a oferta sociocultural e turística na Comarca do Morrazo e o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Este ano, o proxecto “Raíces e Identidades” ten como eixe central a Cultura Celta e o seu papel como elemento de creación da identidade colectiva e individual. Arte, cultura, ciencia e solidariedade únense co obxectivo de concienciar sobre a importancia do coidado do patrimonio cultural e natural.

Coa cultura celta como eixe central, na feira haberá actividades de música, obradoiros, pintacaras, poesía, e representacións teatrais. Ademais, os centros educativos participantes (CEIP A Pedra, CEIP da Torre Cela, CEIP Montemogos, CPR Virxe Milagrosa e IES Espiñeira) elaboraron ao longo do curso unha gran variedade de produtos orixinais que venderán á cidadanía que se achegue, como obxectos con formas celtas, bolsas, papeis reciclados de sementes…

O venres 26, e como adianto do festival, o Centro Social do Mar acollerá a obra de teatro “Plan de rescate” que se poderá ver a partir das 20 horas, e no que participa o alumnado do IES Johan Carballeira.

Xa o sábado, a partir das 8 horas a Asociación Cunchas e Flores confeccionará xunto a alumnado unha alfombra floral no recinto. A apertura oficial do festival terá lugar o sábado ás 11 horas, momento a partir do cal se poderán ver os postos de venda e gozar das diversas actividades propostas.

Orixe do festival

O Festival Art For Change naceu no curso 2021/2022 como parte dun proxecto Eramus+ chamado “Oceans of Culture, Culture Of Oceans”, no que se analizou xunto a outros seis países (Lituania, Estonia, Irlanda, Portugal, Francia e Turquía) como vivir a carón do mar enriquece e transforma a vida nas vilas mariñeiras. Tomando como referencia a Feira da Ciencia e da Literatura organizada en anos anteriores polo mesmo instituto, púxose en marcha un festival solidario que recadou, nesa primeira edición, un total de 2.362 € que se repartiron entre as ONGs BDRI e Pallasos sen Fronteiras. No curso seguinte, e seguindo a mesma temática, celebrouse a segunda edición, na que medrou a afluencia de público, e se recadaron case o dobre de cartos, concretamente 4.225 €, que foron a parar a 13 grados e Save the children.