II Xornadas Gastronómicas en Feminino Bueu
Evento xa rematado
-
Inicio
7 marzo, 2024
Evento todo o día -
Fin
10 marzo, 2024
Evento todo o día
O Concello de Bueu e a Asociación de Hostalaría da vila, coa colaboración da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo), organizan do 7 ao 10 de marzo as “II Xornadas gastronómicas en feminino Bueu”, unha iniciativa que se desenvolve por segundo ano consecutivo para poñer en valor o papel das mulleres na cociña. Coa vista posta no 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, un total de quince locais da vila crearán as súas propias tapas inspiradas na cociña de Toñi Vicente, muller pioneira na profesionalización da cociña e na visibilización feminina na hostalaría, e á que se lle renderá unha homenaxe.
A iniciativa busca visibilizar o papel das mulleres cociñeiras, que constitúen máis do 80% das cociñas de restauración, ademais de seguir dinamizando a gastronomía da vila, que é unha das máis potentes da comarca.
Os locais hostaleiros que participarán este ano son Pyramis, Volver, Casa Quintela, O Ratiño, Noite Tapas, Morriña, O Farol, Esmorga, Centoleira, Casa Videira, Buena Vibra, Baiuca, Aturuxo, Zarzamora e A Cepa, que ofrecerán tanto ao mediodía como á noite tapas a un custe de 3.50 €, nas que expresarán o seu coñecemento da cociña de Toñi Vicente.
Ao longo dos próximos días, o Concello de Bueu irá desvelando nas redes sociais Instagram e Facebook os nomes das tapas, así como as descricións dos seus ingredientes. A campaña, que está deseñada para xerar un gran impacto visual e chegar a moitas franxas de poboación, busca unir a gastronomía e os produtos locais coa reivindicación da igualdade entre mulleres e homes.
Homenaxe a Toñi Vicente
O Concello de Bueu organizará, no marco destas xornadas, unha homenaxe oficial a Toñi Vicente, que se celebrará o 7 de marzo ás 18.30 horas no salón de plenos da Casa Concello. Posteriormente, ás 19 horas, está programada a presentación do libro A miña cociña, que organizará a Libraría Miranda no 2º andar da Praza de Abastos.
Toñi Vicente (Tomiño, 1953) é unha das cociñeiras galegas máis destacadas. As súas lembranzas lévana aos 7 anos, cando xa andaba nos fogóns coa súa nai Antonia, no restaurante familiar Casa Delmiro, situado no lugar tomiñés de Ponte do Muíño. Na súa traxectoria, iniciada no 1960, destacan varios recoñecementos e premios: Premio “Galicia en feminino 2004” da Xunta de Galicia no apartado de creatividade, Medalla de Plata de Galicia concedida polo Consello da Xunta de Galicia no 1997, Premio Nacional de Gastronomía á mellor xefa de cociña dese mesmo ano da Academia Nacional de Gastronomía, e conta con dúas Estrelas Michelín. Ademais, a súa cociña foi loada por personalidades como Camilo José Cela ou Margaret Tatcher.