2º Trail do Nocedo
Evento xa rematado
-
Data
26 marzo, 2023
-
Hora
Evento todo o día
- O Parque Joe Novas será o punto de saída e chegada do trail e do trailiño o próximo domingo ás 10 horas
- A organización outorgará varios recoñecementos e trofeos para estas probas nas que participarán un total de 246 persoas
A Asociación Veciñal por Beluso (Asbel), en colaboración coa Comunidade de Montes de Beluso e o Concello de Bueu organizan o próximo domingo, 26 de marzo, o 2º Trail do Nocedo, un proxecto que une a divulgación do patrimonio da parroquia bueuesa e o deporte máis activo.
A actividade terá unha parte deportiva cun trail de 26 quilómetros e 1200 metros de desnivel, e un trailiño que consta de 15 quilómetros e 600 metros de desnivel. As probas tomarán saída ás 10.00 horas dende o Parque Joe Novas de Beluso, onde comezarán a correr as 107 persoas inscritas para a modalidade do trail e as 139 do trailiño. A organización prevé varios trofeos: no caso do trail, haberá premio para o 1º clasificado/a na absoluta, e para os tres primeiros clasificados nas modalidades de senior (ata 39 anos), veterán/a de 40 a 49 anos, veterán/a de 50 ou máis anos, así como para o 1º do trailiño e equipos. A iso haberá que sumar os recoñecementos, que se outorgarán ao 1º inscrito/a no evento, ao deportista que proveña de máis lonxe, ao participante máis veterán/á, ao equipo con máis participantes, e ao 1º clasificado/a de Bueu.
Pero non será esta a única actividade da mañá do domingo, pois os deportistas pasarán durante o percorrido por seis áreas patrimoniais e culturais da parroquia de Beluso, onde haberá recreacións, como a pesca artesanal de Area de Bon, a pesca de caña en Reventóns, o muíño e o lavadoiro do río Nocedo, e unha foliada en Vilar.
E, como xa vén sendo habitual na actividade da asociación, este evento contará cunha parte social. Por iso, a Asociación Protectora de Animais do Morrazo dispoñerá dun posto de venda para recadar fondos, e os trofeos foron elaborados pola Asociación Juan XXIII de Cangas.
Toda a información atópase no Facebook da proba.