II Semana da Cultura Mariñeira
Evento xa rematado
-
Inicio
12 julio, 2021
Evento todo o día -
Fin
18 julio, 2021
Evento todo o día -
Banda do Río
Rúa Banda do Río
Co obxectivo de poñer en valor o mar e as súas xentes, o Concello de Bueu volve organizar por segundo ano consecutivo a II Semana da Cultura Mariñeira, que se celebrará entre o 12 e o 18 de xullo e que ofrecerá actuacións musicais, obradoiros de arte mariñeira, verbenas, homenaxes, ou espectáculos de maxia, cunha clara vocación de chegar a todos os públicos e de que a cultura mariñeira, tan protagonista en Bueu, poida difundirse.
O programa desa semana leva inserido ademais unha serie de citas que se prolongan durante o verán como pode ser o programa ‘Bueu Espazo Convida 21’. Grazas a esta iniciativa, que se traslada á zona da Banda do Río, o barrio mariñeiro por excelencia, terán lugar o luns 12 de xullo a actuación do contador Quico Cadaval ás 21.30 horas, a obra teatral para familias ‘Saabor!’ collerá a testemuña o martes 13 de xullo ás 21:30 tamén no mesmo entorno da pista da Banda do Río, e o mércores 14 de xullo será a quenda do cinema coa proxección do filme Las niñas, de Pilar Palomero.
Máis específico é o programa Marearte 2021 que nace nesta edición para maridar arte e mar, cun primeiro obradoiro de Creación Mariña para a cativada conducido por Tino Resille que ata o 15 de xullo fomentará na rapazada de entre 7 e 14 anos o interese pola arte no entorno do Centro de Interpretación do Litoral de Agrelo. Ademais, durante a fin de semana van dispoñer as súas creacións no Estaleiro da Banda do Río para que poidan ser visitadas pola xente. Dentro deste programa tamén se poñerá en marcha ‘Debuxadas’, o primeiro encontro de bosquexo urbano en Bueu que fará que as persoas que se inscriban realicen na mañá do venres 16 de xullo un percorrido dende Portomaior ata o porto de Beluso para debuxar o entorno costeiro de Bueu. Precisamente, o artista Josuha Xanbreu será o encargado de guiar este encontro de arte urbana que abranguerá as tres parroquias e a súa costa.
As celebracións máis festivas do Día do Carme van dar comezo cos oficios relixiosos na igrexa parroquial nos que colabora a Asociación Bueu en Festas cunha misa o venres 16 ás 12 horas, que estará amenizada pola Banda de Música Artística de Bueu.
Ás 22:00 horas, terá lugar a esperada verbena coa Orquestra Marbella nos Xardíns de Urbano Lugrís nas Lagoas, que contará con todas as medidas e controis ante a Covid-19 e que terá un primeiro pase ata as 23:45 horas no caso de que finalmente a Xunta levante as restricións aos espectáculos pirotécnicos. De ser o caso, ás 00:00 horas terá lugar o espectáculo pirotécnico desde a praia da Banda do Río, para despois rematar coa verbena ata ás 1:00 horas.
Ao día seguinte, 17 de xullo, ás 12 horas celebraranse os actos na honra das Dores co acompañamento do grupo tradicional Trébede. Ás 21:30 horas terá lugar un dos pratos fortes do programa, co concerto do grupo Heredeiros da Crus nas Lagoas, inserido no Musigal da Deputación de Pontevedra, un programa que, segundo a deputada Victoria Alonso, “busca apoiar os artistas profesionais e mostrar que a cultura ten futuro”. Sobre esta actuación, Patricia Hermida, representante do grupo, salientou que se vai presentar a ‘Xira Angústica’ que conterá moitas sorpresas. Precisamente durante o concerto, haberá unha mesa solidaria para recadar fondos por parte de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, na que se poderá adquirir diverso material e follas de soci@s.
Para pechar as actividades o 18 de xullo, tras a ruada de Manxadoira polo centro da vila, terá lugar na Banda do Río ás 11:30 horas a ‘Gala O Ronsel de Manuel Aldao e Manolo Purro’, un espectáculo homenaxe a estes dous veciños vinculados ao mar. O acto, que segue ao que se realizou o ano pasado na honra de Staffan Mörling, estará guiado por Xurxo Souto e contará coa música de Susana Seivane, grazas a un proxecto cofinanciado polo Galp Ría de Pontevedra que conlevará a edición de cadanseu catálogo fotográfico e vídeo adicados aos homenaxeados.
Ese mesmo día, o Mago Antón terá o seu camión para o espectáculo ‘A volta a Galicia en 313 concellos’ que fará a súa primeira parada de mañá no entorno do Pavillón de Beluso para dúas sesións ás 12 e ás 13 horas. Pola tarde ofrecerá pases no entorno do Centro Social do Mar en Bueu ás 17,18,19,20,21,22 horas cun aforo limitado e atendendo ás medidas Covid-19.