Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

II Festival Art for Change

Evento xa rematado

  • O evento, promovido polo IES Johan Carballeira e o Concello de Bueu, insírese no proxecto educativo Twinning Oceans of Culture, Culture Of Oceans (OCCO) e ensamblará a ciencia coa arte
  • As actividades estenderanse entre as 11 e as 21 horas en diversos espazos do casco urbano, con epicentro na céntrica Praza Massó

A vila de Bueu vivirá este sábado, 29 de abril, un día ateigado de ciencia e arte, pois o IES Johan Carballeira e o Concello de Bueu promoven o II Festival Artístico Solidario ‘Art for Change’, no que colabora toda a comunidade educativa, as asociacións de nais e pais da vila, os centros educativos e diversos colectivos da comarca. Ao longo de toda a xornada estenderanse na carpa da Praza Massó as actividades a través das cales se achegará a ciencia e a arte aos diversos sectores da cidadanía.

Na feira haberá actividades de música, poesía, experimentos, lingua de signos, teatro, xogos, baile tradicional, pintacaras, e moito máis. Todo o que se recade destinarase á asociación galega 13 GRADOS, que se dedica á divulgación e á conservación do medio mariño, e á ONG Save the Children, que aborda as necesidades dos nenos e nenas, ofrecéndolles un comezo saudable na vida, a oportunidade de aprender e protección fronte ao dano.

Esta iniciativa insírese no marco do proxecto educativo Twinning Oceans of Culture, Culture Of Oceans (OCCO), e pretende ser un escaparate destes dous eidos, o científico e o das artes. As persoas asistentes poderán visitar a carpa da céntrica Praza Massó onde se situarán diversos postos nos que o alumnado ensinará experimentos e ofrecerá xogos co obxectivo de achegar o coñecemento dunha forma lúdica. Así, na carpa colocaranse diversas mesas con distintas temáticas xestionadas polo alumnado de todos os centros educativos e que versarán sobre proxectos multidisciplinares.

Dende as oito da mañá, a Asociación Cunchas e Flores confeccionarán na Praza Massó unha alfombra floral. A apertura oficial do festival terá lugar o sábado ás 12 horas coa inauguración na carpa da Praza Massó, e ás 12.30 horas desenvolverase a obra de teatro –coreografía “O mar que nos move”. A esa mesma hora, pero no Centro Social do Mar, poderase seguir a conferencia “Gaitas do mundo” de Fernando Molpeceres e a presentación do libro Temperando. Ás 13 horas haberá poesía na rúa e a performance “Ninguén é ilegal”, esta no exterior do Centro Social do Mar, para pechar na carpa con micro aberto de música a partir das 13.30 horas.

Pola tarde, a partir das 16 horas As Mosas do Hío deleitarán ao público con varias pezas populares a ritmo de pandeireta, e ás 17.30 horas poderase aprender baile galego con Peis d’hos. O Museo Massó tamén colabora con esta feira, e ofrecerá dous obradoiros infantís, un titulado “O que o mar non quere” para nenos e nenas de 5 a 9 anos, e outro de “Origami mariño”, para a cativada de 6 a 12 anos, que terán lugar ás 17 e 18 horas respectivamente (estes talleres precisan de inscrición previa en 886151101 e en museo.masso@xunta.gal). A carpa pecharase ás 19 horas, pero as actividades continuarán noutros lugares: ás 19.30 horas, os grupos Napalm e Sons of Asgard actuarán no escenario exterior do Centro Social do Mar, e ás 21.00 horas, representaranse as obras de teatro “Aquí ninguén chora” e “O xuízo”.