I Xornada para persoas maiores
Evento xa rematado
-
Data
4 junio, 2022
-
Hora
12:00 pm - 11:00 pm
- Esta actividade celebrarase o sábado entre a piscina municipal e a zona das Lagoas e incluirá charlas, xogos e concertos musicais
O Concello de Bueu organiza este sábado, 4 de xuño, a I Xornada de persoas maiores, na que se programarán charlas sobre hábitos saudables, xogos tradicionais e actuacións musicais. A xornada arrancará ás 12 horas da mañá nas salas da planta baixa da Piscina Municipal das Lagoas, onde as responsables dos Centros de Día Pescadoira e Contigo explicarán o proxecto dos obradoiros de memoria, que levan varios anos impartindo na vila da man do Concello de Bueu, e que teñen por obxectivo a estimulación da memoria e o envellecemento activo. A continuación intervirá algunha integrante da Asociación de Mulleres Rurais Mar e Agro, que falarán sobre as actividades que levan a cabo dende este colectivo, como clases de teatro, autoestima, xogos tradicionais etc.
Pola tarde, ás 17 horas, celebrarase o I Torneo de petanca e xogos populares interxeracionais no Campo da Estacada, nos que se anima a participar a todas as persoas que o desexen, xa que o obxectivo é promover a convivencia entre diversas idades. Esta actividade levarase a cabo no campo de petanca da Estacada, recentemente inaugurado polo Concello de Bueu.
E para rematar a xornada, o Concello programará dúas actuacións musicais das que se poderá gozar a partir das 20 horas na carpa instalada nos Xardíns de Urbano Lugrís, na zona das Lagoas. Concretamente, actuarán Arosa Bay e Marietta.
A I Xornada para persoas maiores forma parte do programa de actividades organizado anualmente polo Concello de Bueu co obxectivo de fomentar políticas sociais activas para o conxunto da cidadanía. Xa dende hai moitos anos, impártense ximnasias de mantemento para persoas maiores, que se complementan cos obradoiros de memoria.