Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Horizontes de José Solla

Evento xa rematado

O Concello de Bueu e o Cineclub de Bueu celebran o vindeiro sábado, 27 de outubro, o Día Mundial do Patrimonio Audiovisual. Os actos terán lugar no Centro Social do Mar a partir das 20.00 horas e comezarán coa proxección do documental en homenaxe de José Solla, “Horizontes”, dirixido pola fotógrafa bueuesa Alba Sotelo, tras o que se poderá compartir unha breve conversa co pintor.

A actividade, que será de balde ata completar aforo, contará coas intervencións de Xosé Leal, concelleiro de cultura, Ramón Rozas, crítico de arte e comisario da exposición retrospectiva ‘Coplas de cego’ para o Museo de Pontevedra, e Alba Sotelo, directora do documental, ademais do propio protagonista José Solla.

O documental, que ten unha duración de quince minutos, achega a personalidade de Solla e a súa relación coa pintura e coa contorna. O artista, natural de Marín, emigrou a Arxentina na década de 1950 e actualmente pasa o seu tempo entre Mar de Plata e Bueu. De feito, froito desta unión co municipio bueués, na Praza Massó pode verse desde o 2014 a escultura “Inés- Palmira”, que foi elaborada pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra a partir de bosquexos do propio artista. Así mesmo, o paseo das praias de Agrelo e Portomaior leva o nome de “José Solla”.

No seu país de acollida goza dun recoñecido prestixio no mundo da arte e da cultura, xa que estudou na Escuela Superior de Artes Visuales Martín Malharro de Bos Aires e foi alumno do reputado mestre arxentino Demetrio Urruchúa. As obras de Solla atópanse nos principais museos do país e forma parte de coleccións públicas e privadas e no seu haber ten dun lote de premios de pintura obtidos tanto en Arxentina como en España. Ao longo da súa traxectoria, sempre actuou como embaixador do noso pobo, e con esta obra incrementará o seu recoñecemento.