Homenaxe Johan Carballeira
Evento xa rematado
-
Data
17 abril, 2022
-
Hora
6:00 pm - 8:00 pm
-
Centro Social do Mar
Rúa de Montero Ríos, 36930 Bueu, Pontevedra
- O acto está organizado polo Concello de Bueu e a Asociación de Amigos de Johan Carballeira e celebrarase o vindeiro domingo, 17 de abril, a partir das 18 horas
Coincidindo coa celebración do 85º aniversario do fusilamento de Johan Carballeira, o Concello de Bueu e a Asociación de Amigos de Johan Carballeira organizan un acto de homenaxe que terá lugar o 17 de abril pola tarde.
Ás 18.00 horas celebrarase a habitual ofrenda floral xunto ao monumento dedicado a Carballeira e que se sitúa na entrada da praia da Banda do Río. Alí, as persoas asistentes lembrarán a este home, que foi alcalde de Bueu antes do golpe de estado do 1936, amais de poeta e xornalista sempre a favor das causas xustas. No monumento depositarase un ramo de flores que lembra o seu fusilamento o 17 de abril de 1937 no monte da Caeira, en Poio, despois de pasar varios meses no lazareto de San Simón.
A continuación, nesta xornada dedicada á memoria histórica, presentarase o libro Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951) de Xosé Álvarez Castro, nun acto que terá lugar ás 19.00 horas no auditorio do Centro Social do Mar. O libro, publicado por Xerais, analiza as características e modulacións que adoptaron a represión e a resistencia no chamado «primeiro franquismo». A represión empregada contra a oposición política, a represión económica, a sufrida polas mulleres e a efectuada contra a masonería teñen un tratamento especial. Por outro lado, afóndase nas formas, composición e actuacións da resistencia contra o Réxime, tanto a través das organizacións políticas clandestinas como dos distintos grupos da guerrilla, así como as estratexias empregadas polas autoridades franquistas para combatelas. Adoptando un tratamento crítico e rigoroso das variadas fontes documentais que o autor emprega, o libro presenta un enfoque didáctico e divulgativo.