Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Homenaxe ao pintor José Solla

Evento xa rematado

  • O acto terá lugar no Centro Social do Mar ás 12.00 h, e nel proxectarase o documental ‘Horizontes’ amais de actuar a Banda de Gaitas Manxadoira
  • Na homenaxe lembrarase as facetas persoal e profesional deste artista que foi recoñecido como Fillo Adoptivo de Bueu e que tamén conta cun paseo co seu nome

O Concello de Bueu celebrará este domingo, 31 de outubro, un acto de homenaxe ao pintor José Solla, falecido o pasado 9 de setembro e que mantiña unha estreita vinculación coa vila morracense. Así, este evento servirá para lembrar a súa faceta persoal e profesional nunha data que coincide coa do seu aniversario, e por iso, ademais da corporación municipal, agárdase a participación da familia do pintor.

O acto celebrarase no Centro Social do Mar a partir das 12.00 h, e nel proxectarase o documental ‘Horizontes’, dirixido pola fotógrafa bueuesa Alba Sotelo hai uns anos, co financiamento do Museo de Pontevedra, no que se achega a personalidade de Solla, a súa relación coa pintura e coa contorna. O traballo audiovisual ofrece tamén a visión do mundo deste pintor cunha profunda querenza ao pobo bueués, e que se manifestou no seu recoñecemento como Fillo Adoptivo por parte da corporación municipal, así como o nomeamento do paseo José Solla á senda que une as praias de Agrelo e Portomaior.

Esta homenaxe do Concello de Bueu, que tamén contará cunha actuación da Banda de Gaitas Manxadoira, terá lugar o día no que o pintor cumpriría 94 anos, e por iso o pobo de Bueu quere manifestarlle o seu cariño pois, como salienta Xosé Leal, concelleiro de cultura, “Solla sempre levaba o nome de Bueu polo mundo, tanto no seu corazón como a través da súa pintura”. Precisamente, esa pegada materializouse na escultura ‘Inés Pamira’ que loce na Praza Massó e que foi elaborada da man da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra baseándose nos debuxos doados polo artista no 2015. Esta obra contén 500 gravados con mosaicos nos que se representan as xentes e a vida no Morrazo, e que tamén é un agradecemento ao pobo que o acolleu.

José Solla elixiu pasar a súa vida entre o municipio de Bueu e Mar da Plata, en Arxentina. Precisamente no país arxentino fundou a Galería de Arte Solla, e en Galiza realizou continuas exposicións e intervencións urbanas, sendo unha das últimas a inauguración da exposición ‘Coplas de cego’ da Deputación de Pontevedra.