Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Ghallufadas

Evento xa rematado

  • A Piscina Municipal de Bueu encherase de xogos de mesa e de rol e de charlas sobre diversas experiencias exitosas neste eido
  • Este evento pioneiro pretende chegar á mocidade e fomentar o intercambio xeracional, ademais de ser un escaparate para o sector dos xogos

Debido ao gran éxito colleitado o ano pasado, o Concello de Bueu organiza novamente as xornadas Ghallufadas, que servirán de escaparate para os xogos de rol durante a fin de semana do 19 ao 21 de abril na Piscina Municipal de Bueu de Bueu, un espazo recentemente rehabilitado e ao que o goberno local quere dar un impulso con novas propostas.

O evento pretende chegar á mocidade e fomentar o intercambio xeracional, ademais de ser un escaparate para o ocio en galego e a posta en valor das empresas locais, comarcais e galegas dun sector que vive un gran auxe.

Durante esa fin de semana, o espazo da piscina permanecerá aberto dende as 11 ás 21 horas e nel haberá propostas de torneos de xogos como “Perfect!”, “Spanta”, “Tempus Ludit”, “Rotting Pizza”, “Os gardiáns” ou “Tes terras?”, algúns deles en modalidade para persoas adultas e júnior. A través deles, e das diversas propostas, o que se pretende é achegar o xogo social con numerosos beneficios e transmisión de valores.

Ademais dos xogos, ao longo da fin de semana desenvolveranse charlas con persoas do sector que falarán de proxectos e experiencias exitosas, que é unha proposta que xa se tivo en conta na edición pasada e que nesta ocasión se consolida. O obxectivo é, pois, achegar os vínculos que teñen os xogos de mesa e a educación, con estimulación cognitiva, sobre todo en nenos e nenas, persoas maiores e usuarios con necesidades especiais.

Así, o venres ás 18 horas, Andrea Reroll falara sobre ABX ou a Aprendizaxe Baseada en Xogos. O sábado haberá dúas: a primeira delas, ás 11.30 horas, versará sobre a ABX en persoas de idade avanzada, e será impartida por unha integrante de “Juegos Nómades”; e ás 19 horas, integrantes do proxecto GLIRP falarán sobre a accesibilidade nos xogos de mesa. E o domingo desenvolveranse outras dúas: a primeira será ás 12 horas, e nela Buscalume e Breogame explicarán o proceso de creación do xogo “Navia” de Verkami; e ás 19 horas, dende Dornavela Edicións falarase sobre a mitoloxía galega como ferramenta educativa.

Tanto o sábado como o domingo haberá unha zona libre de xogos de mesa para as persoas que se acheguen a este evento. E tamén se creará un espazo indie que servirá de escaparate para visibilizar e dar a coñecer novos proxectos, unha experiencia que o pasado ano contou con moita participación e na que se materializaron algúns proxectos como “Tes terras?” ou “Navia”.

A programación completa pode consultarse na web do Concello de Bueu e nas redes sociais.