Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Freguifesta de Ons

Evento xa rematado

O Concello de Bueu organiza a fin de semana do 21 e 22 de agosto a Freguifesta da Illa de Ons, na que renderá homenaxes e promoverá eventos culturais para todas as idades, coa colaboración da Asociación de Amigos e Amigas de Ons e da veciñanza do lugar. Así, o sábado estrearase o filme ‘Ons’ de Alfonso Zarauza, que se poderá ver ao aire libre na zona de Area dos Cans ás 22.00 h, aínda que previamente se desenvolverá unha ruta polos escenarios do filme na compañía de varios membros da equipa.

O domingo comezará a xornada ás 10.15 h cunha ruta interpretativa do patrimonio e da natureza de Ons, que sairá dende a igrexa. Ás 11.00 h está programada unha ruada illense dende Curro ata Chan da Pólvora. Xa ás 12.00, e previamente aos oficios relixiosos, homenaxearase ás cantareiras de Ons na compañía do grupo Arredor da Tradición, nun acto que terá lugar no exterior do Centro de Visitantes (antiga escola).

Xa pola tarde, Fanfarría Furruxa continuará a partir das 16.00 h a ruada illense dende o Canexol ata o Curro. Ás 16.30 h organizaranse dúas actividades: unha ruta interpretativa do patrimonio e da natureza da Illa, e obradoiros para a rapazada baixo o título de ‘A pegada do mar en Ons’. Ademais, durante todo o día poderase ver na zona do Curro unha exposición sobre as festas de Ons en imaxes, que percorrerán a historia deste arquipélago e das súas xentes.

Dende o Concello apúntase que esta festa é segura, pois cumpriranse con todos os protocolos da Covid-19: aforo limitado e controlado con cadeiras, distancia interpersoal e máscara obrigatoria para todas as actividades.