Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Freguifesta de Beluso

Evento xa rematado

  • O Parque Joe Novas da parroquia xa acolleu estes días varios eventos culturais do programa Espazo Convida 2022 e continuará ata o luns con moita festa

O Concello de Bueu continúa esta fin de semana co programa de freguifestas na parroquia de Beluso. Despois dunha semana ateigada de actividades culturais para todos os públicos no marco do Espazo Convida 2022, a fin de semana estará marcada por máis eventos lúdico – festivos, coa colaboración do Principado Onza de Beluso e a Deputación de Pontevedra.

Este venres, ás 21.30 horas está prevista a actuación musical do Coro Encaixe e despois do Dúo Verde Menta, ambas no Parque Joe Novas de Beluso, situado ao lado do pavillón e no que tamén continuarán as actividades ao longo da fin de semana, agás en caso de mal tempo, que se trasladarán para a Casa do Pobo.

O sábado, ás 22.30 horas, poderase gozar da música de Tabernarios, un grupo conformado por Víctor Villa e Marcelo Dobode. O domingo pola tarde, dende as 18 horas, desenvolverase a I Mostra da Creatividade, na que varios artistas locais ensinarán en directo varias modalidades artísticas, como talla de madeira, artes plásticas, instrumentos tradicionais, ou debuxo e deseño gráfico. A continuación, Duende Circo ofrecerá un espectáculo familiar, e xa pola noite, a partir das 21 horas, actuará Isidro Vidal Dúo.

O luns será o día grande, que comezará cunha ruada ás 11 horas por Beluso a cargo de Os Liboreiros, e unha sesión vermú con Xosé Liz e Paula Gómez ás 13.30 horas. Pola tarde, concretamente entre as 17 e as 20.30 horas, haberá xogos tradicionais e inchables infantís. Ademais, nesta xornada terá lugar un dos eventos máis emotivos da festa, coa homenaxe que o Concello renderá a “Mozas e mozos de Beluso”, un colectivo de persoas que traballaron arreo pola recuperación da tradición festeira na parroquia, e o día rematará cunha verbena amenizada polo grupo local Distrito 7.

Todos os eventos terán lugar no Parque Joe Novas, agás en caso de mal tempo, que se trasladarán para as instalacións pechadas da parroquia de Beluso.