FICBUEU: Debuxando coa luz
Evento xa rematado
-
Data
21 agosto, 2018
-
Hora
8:00 am - 8:00 am
Os ilustradores Luis Davila e Marc Taeger encherán de luz e cor o auditorio do Centro Social do Mar o sábado 8 de setembro ás 23.00 h, acompañados pola música en directo de Fuzzo, formación que reúne a tres estrelas da escena jazzística galega amantes da improvisación, como son Virxilio da Silva, Xan Campos e Chus Pazos. ‘Debuxando coa luz’ convértese así nunha espectacular proposta artística de carácter multisensorial ambientada no mundo do cinema, onde o público viaxará a través de distintos xéneros fílmicos mergullándose nunha perfecta conxunción entre a música experimental e a proxección dos orixinais debuxos elaborados en tempo real. Unha experiencia única que porá en cuestión os límites da creatividade.
Luis Davila é deseñador gráfico, ilustrador e viñetista. Estudou na Escola de Artes e Oficios Artísticos Pablo Picasso da Coruña. Comezou a traballar en Faro de Vigo realizando infografías, ilustracións e deseño de páxinas interiores para pasar logo a facer O Bichero, viñeta diaria no xornal. Ten autoeditados sete volumes de O Bichero onde se compilan os seus mellores debuxos cómicos. Canda o actor Carlos Blanco protagoniza os espectáculos Menú do Día e Menú da Noite, nos que conxugan o monólogo humorístico co humor gráfico e a animación ao vivo.
Marc Taeger naceu en Suíza e criouse entre Italia, Portugal, Alemaña e España. Estudou na Escola Superior de Comunicación Visual de Trier e na actualidade vive en Bueu, dende onde traballa como ilustrador e deseñador para campañas publicitarias, editoriais e prensa. Ten realizado exposicións en Barcelona, Madrid, Santiago de Compostela, París, San José de Costa Rica ou Shanghai. Ao longo da súa traxectoria profesional acadou galardóns coma o Premio Daniel Gil de ilustración e dous premios Laus que concede a Asociación de Deseñadores Gráficos de España.
Fuzzo é unha formación musical na que se xuntan tres destacadas figuras do jazz galego: Virxilio da Silva na guitarra, Xan Campos cos sintetizadores e Chus Pazos na batería. Defínense como unha banda de improvisación libre e acumulativa cunha estética próxima ao rock psicodélico e á música electrónica, sen abandonar a improvisación como canle fundamental de expresión.