Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Festival Sonrías Baixas

Evento xa rematado

A XVI edición do Festival SonRías Baixas, que encherá de novo Bueu de festivaleiros os días 2, 3 e 4 de agosto de 2018, suma sete novas bandas ao seu cartel. Os rockeiros Berri Txarrak chegarán a Bueu precedidos polo espectacular concerto que ofreceron no BEC ante máis de 10.000 persoas. 40 temas, tanto clásicos e inéditos como do seu último disco, dous cambios de escenario e un público entregado á banda máis aclamada do rock basco das últimas décadas. Todo un referente da música en euskera, reivindicativos e loitadores como tamén o son os Gatillazo, cos que Evaristo Páramos mantén máis vivo ca nunca o espírito de La Polla Records: cancións libertarias e cheas de humor, como armas coas que disparar contra a inxustiza e a estupidez.

O SonRías Baixas completa a exitosa fórmula de directos potentes e enerxéticos, reivindicativos e divertidos, coa que cada verán conquista a miles de festivaleiros de todo o Estado coa música festiva de Muchachito, que virá a Bueu acompañado pola súa banda habitual para ofrecer ao público do festival a súa particular mestura de rumba, rock, swing, funk, entusiasmo e alegría, e cos Che Sudaka, que funden o folclore latinoamericano cos ritmos xamaicanos e a actitude punk, nunha potente música de baile para encender conciencias. Completan a aposta do festival polas bandas emerxentes a canción de autor urbana e mestiza de Muerdo, o rap e a electrónica en euskera de Revolta Permanent e o ska valenciano de Assekes, recordándonos que o público do certame sempre marcha de volta cunha nova descuberta musical.

Estas sete bandas súmanse ás xa anunciadas anteriormente pola organización: a big band valenciana La Raíz, que acaba de gravar un DVD en directo e chega precedida dun enorme éxito de público; Desakato, que vén de gañar o Premio ao Mellor Directo de España e Portugal nos Iberian Festival Awards; Sara Hebe, Terbutalina e The Skarnivals. As entradas están á venda na web sonriasbaixas.info.