Festas de San Martiño
Evento xa rematado
-
Inicio
10 noviembre, 2022
8:30 pm -
Fin
13 noviembre, 2022
11:00 pm
O Concello de Bueu volve organizar un ano máis as festas do San Martiño desde os departamentos de Cultura e Deportes, nas que contan coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a Aasociación Bueu en festas, as Anpas da vila, o Club de Atletismo Corredoiras e os equipos do CD Bueu e Cultural Deportiva Beluso. As actividades dan comezo o xoves 10 co teatro grazas ao programa da Deputación “Tornar ás táboas” e seguiranlle diversos eventos culturais e deportivos que se unen ás tradicionais celebracións relixiosas e que pretenden chegar a todas as idades.
O teatro profesional volve por segundo ano a esta cita coa obra “Un home con lentes de pasta” da compañía Redrum Teatro. O día 10 ás 20:30 horas no Centro Social do Mar terá lugar a función desta comedia multipremiada. A obra conta como unha das protagonistas acaba de ser abandonada pola súa parella e os seus amigos anímana para que se adique a súa paixón por escribir.
O 11 de novembro, día do patrón, as actividades relixiosas nas que colabora a Asociación Bueu en festas xunto á Parroquia, terán a misa ás 12:00 horas, que estará precedida pola Charanga Os Imperiais animando as rúas e o adro, e que será cantada polo Coral Marusía. Ademais desde ese día e ata o 13 de novembro a Asociación Santos Reis terá no adro pequeno a súa habitual mostra de fotografías antigas. Os xogos tradicionais e os inchables de balde estarán tanto de mañá, entre as 11:30 e as 13:30 horas, como de tarde, entre as 16:30 e as 18:30 horas, na carpa de As Lagoas. Despois será a quenda do deporte e da rivalidade futbolística entre os clubes locais do Club Deportivo Bueu e a Cultural Deportiva Beluso que se enfrontarán desde as 19:00 horas no campo municipal de A Graña no I Torneo San Martiño que permitirá ver un enfrontamento que non se dá desde hai anos ao estar os dous equipos en categorías diferentes, sendo a última experiencia no Torneo que organizou hai anos a Mancomunidade do Morrazo. A verbena coa Orquesta Trébol na carpa amenizará o día do patrón coa súa música desde as 20 horas.
O sábado 12 os oficios relixiosos na honra de San Roque contarán coa música de Manxadoira no exterior da igrexa e coa Coral Polifónica Bueu durante o acto litúrxico. Ademais a Charanga Noroeste amenizará as rúas da vila durante a mañá e a carpa volverá ter inchables e xogos tradicionais de 11:30 a 13:30 horas. Na tarde xunto aos inchables e xogos tradicionais que estarán de 16:30 a 19:30 horas, terá lugar o tradicional Magosto coas Anpas de Bueu, Beluso e Cela que ofrecerán castañas de balde. Ás 22:00 horas será a quenda dos concertos pensados para a mocidade na carpa das Lagoas. Berto mostrará o seu electro pop, mesturado con ritmos urbanos tocando temas do seu disco “Viaxe ao espazo Interior” e de seguro avanzará temas do seu vindeiro traballo e doutras experiencias nas que colabora. Despois será a quenda da festa rachada con Festicultores Troupe, que achegarán os seus ritmos subidos no seu camión que farán moverse a todo o torreiro. Pechará a noite unha pinchada de Xabi Dj, habitual en sesións do proxecto de La Duendeneta e que animará ata a madrugada ás persoas con máis ganas de festa da carpa.
O domingo 13 desenvolverase a XXV Carreira San Martiño organizada pola concellería de Deportes e o Club Corredoiras que encherá a rúa Montero Ríos coas categorías de base e sénior nunha cita xa consolidada no calendario galego. Na tarde volverán os xogos tradicionais e os inchables na carpa de As Lagoas entre as 16:30 e as 18:30 horas. Precisamente ás 18:30 terá lugar no Centro Social do Mar a volta da música coral a Bueu co I Concerto de Corais Festas de San Martiño, que vai xuntar as corais da vila, coa Polifónica de Bueu, Marusía, a Polifónica de Beluso e o Coro de Cela que ofrecerán a súa música con tres temas de cadansúa formación e un final no que cantarán todas xuntas. Para finalizar as festas a carpa de As Lagoas terá a partir das 20 horas a actuación do grupo Distrito 7 que porá o broche final ás festas de San Martiño de 2022.