Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Festa das Alfombras Florais do Corpus Bueu

Evento xa rematado

Máis de sesenta alfombras encherán de cor e arte as rúas da vila de Bueu con motivo da celebración da Festa das Alfombras do Corpus, que se celebrará na fin de semana do 2 e 3 de xuño, e na que as persoas visitantes poderán gozar dos tapices así como dunhas xornadas con música e actividades para a rapazada.

Os pequenos e pequenas terán dispoñibles (de forma totalmente gratuíta) diversos inchables e xogos tradicionais na Praza Massó o sábado de 17.00 a 21.00, e o domingo, de 11.30 a 13.30 e de 17.00 a 21.00 horas.

En canto á programación cultural, Roi Casal presentará o seu espectáculo “Son galego, son cubano” no exterior do Centro Social do Mar o sábado a partir das dez da noite. A actuación, que contará con músicos galegos e cubanos, é unha homenaxe a Xosé Neira Vilas e a toda a emigración galega ao país da Habana, e poderá disfrutarse de balde grazas ao financiamento da Deputación de Pontevedra, a que, a través do programa Musigal, permite a organización de concertos en lingua galega para todos os concellos pontevedreses. Casal mostrou a súa ledicia por formar parte do programa desta festa que “é unha homenaxe á cor e á diversidade, igual que a música”, e aproveitou para tocar unha peza de Rosalía de Castro, titulada “Ninfa das frescas augas” acompañado dunha arpa céltica.

O programa péchase o domingo, día grande e festivo, no que se se poderán ver as diversas rúas engalanadas con tapices florais elaborados polas diversas asociacións e colectivos. Tamén co obxectivo de achegar esta tradición á rapazada, o sábado a partir das 10 da mañá realizarase unha alfombra infantil que terá como temática a figura d’Os Bolechas.

Así mesmo, esta festa contará con actos relixiosos, sendo un dos máis destacados a misa solemne e procesión, que se celebrará o domingo ás 18.00 h no patio interior do Colexio Virxe Milagrosa, cantada pola Coral Polifónica de Bueu. Ao remate sairá a procesión en dirección a Pazos Fontenla, continuando por Eduardo Vincenti, Montero Ríos e volta de novo a Pazos Fontenla e Virxe Milagrosa. E o peche será a cargo da orquestra Marbella, que actuará na noite do domingo na carpa das Lagoas.