Espazo escénico: Rilo & Penadique
Evento xa rematado
-
Data
14 julio, 2020
-
Hora
9:00 pm - 10:00 pm
-
Banda do Río
Rúa Banda do Río
No marco do programa Convida Bueu 2020, o Concello de Bueu programará todos os martes do verán actuacións escénicas para público familiar en diversos espazos da vila. Así, o 14 de xullo será a quenda de Rilo e Penadique, que contarán e cantarán as súas historias na contorna do Estaleiro da Banda do Río a partir das 21.00 h. Como en todos os eventos programados para este verán, tomaranse todas as medidas para respectar a seguridade e a hixiene pola Covid-19.
SINOPSE: Rilo & Penadique é unha compañía de recente creación que une os talentos de Vero Rilo e Sonsoles Penadique para a narración e a música.
Vero Rilo ten unha longa e consolidada traxectoria como contacontos. Educadora na Escola Semente, cursou estudos de iniciación ao teatro da man de Carlos Neira e outros específicos de contadora con Charo Pita e Tim Bowley. Á fronte de Daboapipa moveu, cun formato que combina música e conto, diversos espectáculos para público adulto e infantil, por toda Galicia e mesmo alén do Miño.
A formación musical de Sonsoles Penadique é envexable. Licenciada en Historia da Arte na especialidade de Historia da Música e Patrimonio Artístico pola USC e diplomada en Educación Musical pola UVigo, realizou estudos de linguaxe musical, técnica vogal, coral e harmonía moderna na Escola Estudio, e ten tamén o Posgrao de Música Tradicional Galega da USC. Desde cativa estivo vencellada á música tradicional como bailadora, cantareira e gaiteira, e comezou a estudar acordeón diatónico no 2009 con Xavier Blanco, Carlos Quintá e Pedro Pascual. Traballou en diferentes centros de primaria, secundaría e conservatorios, e tamén é profesora de acordeón diatónico, canto, música e movemento e linguaxe musical na Escola Municipal de Música de Moraña e na A.C. Trépia. Tamén colabora coas Escolas Infantís Semente de Compostela e Vigo e coa Cruz Vermella de Pontevedra.
Como elas din, «xuntáronse o amor pola literatura e a palabra dita co amor pola música e o universo da infancia, e aquí estamos…». Narran, cantan e musican historias, contos escoitados nalgún lugar ou escritos nalgún libro, nacidos dende algún lugar do ser. Fusionan o mundo da infancia coa palabra e a música dando lugar a espectáculos de narración oral para crianzas e familias.