Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Espazo escénico: A historia de Brancaflor

Evento xa rematado

No marco do programa Convida Bueu 2020, o Concello de Bueu programará todos os martes do verán actuacións escénicas para público familiar en diversos espazos da vila. Así, o 28 de xullo será a quenda de Fran Rei e o seu espectáculo «A historia de Brancaflor», que se poderá ver na Praza Massó ás 21.00 h. Como en todos os eventos programados para este verán, tomaranse todas as medidas para respectar a seguridade e a hixiene pola Covid-19.

SINOPSE: As mellores historias son sempre as que están sen escribir, sen ler, sen contar. Aquelas nas que aínda está por crear o final, o inicio, a trama, as personaxes… Pero, sobre todo, as mellores historias son as que poden saír da imaxinación de nenas e nenos. Nesta montaxe, ese é o punto de vista co que nos achegamos á lenda popular de Brancaflor, a filla do Demo, a partir da versión que Xosé Ramón Mariño Ferro recolleu na súa escolma Contos marabillosos. Unha trama chea de probas máxicas, encantamentos, romances e maleficios. Unha fermosa historia de amor entre Brancaflor e Xan, á que se opón o malvado pai da rapaza. Con Fran Rei como protagonista, A historia de Brancaflor é o primeiro espectáculo unipersoal de Os Sete Magníficos Máis Un. Ademais, trátase da primeira incursión da compañía na arte das e dos contacontos. Baixo a dirección do Premio María Casares Avelino González, nesta obra a narración vén acompañada con xogos de maxia, que reforzan a comprensión do conto e, sobre todo, fan máis atractivo o espectáculo, animando á lectura dunha maneira distinta.