Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Espazo Convida 21: «Epístola ás neofalantes» de Aldaolado

Evento xa rematado

O Concello de Bueu presenta por segundo ano consecutivo o programa de actividades do ‘Espazo Convida 21’, que ofrecerá durante os meses de xullo e agosto diversas alternativas de ocio e cultura para a rapazada e as familias.

Así,  o xoves 29 de xullo, o Parque Ramal dos Galos acollerá a partir das 21.30 horas o espectáculo escénico «Epístola ás neofalantes» de Aldao Lado, na que se valen da retranca para poñer sobre a mesa unha reflexión sobre a situación actual da lingua galega e o seu futuro. Sempre dende unha perspectiva crítica e comprometida co idioma, as dúas poetas artellaron este espectáculo onde a poesía, a música e sobre todo o humor -presente na narración oral que o envolve todo- están orientados a reafirmar a nosa lingua como unha lingua moderna, síntoma de coñecemento e cultura e, sobre todo, cun moitas primaveras por diante por obra e graza das persoas neofalantes. A combinación de recital de poesía, música en directo, xogos co público e improvisación é sempre característica dos espectáculos de Aldaolado. Nesta ocasión achégannos unha proposta delirante, na que unen emotividade e risas, e na que, dunha maneira desenfadada, se permiten rir de todo para facernos reflexionar sobre o que realmente importa. Porque ás veces lucía e María senten que están predicando no deserto, peroelas sempre din que vaia, que houbo outro antes que empezou así e á súa causa non lle foi tan mal.

Ao igual ca o ano pasado, o Concello establecerá medidas para cumprir con todos os protocolos Covid-19 da Xunta de Galicia e facer que a cultura poida gozarse en espazos seguros, de aí que se aposte polos lugares ao aire libre. Así mesmo, controlarase o aforo e levarase a cabo a desinfección de todas as cadeiras, que estarán perfectamente separadas e limpas, e tamén se recomenda que a cidadanía se inscriba previamente a través dos formularios habilitados na páxina web www.concellodebueu.gal.