Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Espazo Convida 21: actuación de Xoana

Evento xa rematado

O Concello de Bueu presenta por segundo ano consecutivo o programa de actividades do ‘Espazo Convida 21’, que ofrecerá durante os meses de xullo e agosto diversas alternativas de ocio e cultura para a rapazada e as familias. Esta actuación enmárcase no apartado de ‘Espazo Musical’ subvencionado pola Deputación de Pontevedra a través da Liña 2 do Plan Concellos 2021.

Así,  o venres 23 de xullo, a Casa da Aldea de Meiro acollerá a partir das 21.30 horas a actuación de Xoana, unha artista moza que traballa coa idea de derrubar fronteiras para que o galego estea libre de prexuízos, e por iso achega á nosa lingua unha gran variedade musical. Precisamente ‘Dardos’ xurdiu como unha proposta que axude a proporcionarlle á nosa lingua uns aires renovados que demostren a súa capacidade de desenvolverse en calquera eido e de tratar todo tipo de temáticas. Son os prexuízos e a ignorancia os que limitan un idioma, e é ben sabido o sufrimento que estes lle causaron ó longo dos anos á cultura de Galicia; de aí o empeño da artista en demostrar a súa valía a través deste disco.

Ao igual ca o ano pasado, o Concello establecerá medidas para cumprir con todos os protocolos Covid-19 da Xunta de Galicia e facer que a cultura poida gozarse en espazos seguros, de aí que se aposte polos lugares ao aire libre. Así mesmo, controlarase o aforo e levarase a cabo a desinfección de todas as cadeiras, que estarán perfectamente separadas e limpas, e tamén se recomenda que a cidadanía se inscriba previamente a través dos formularios habilitados na páxina web www.concellodebueu.gal.