Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Espazo Convida 2022

Evento xa rematado

Chegan os meses de verán e a Concellería de Cultura volve a apostar polo programa Espazo Convida 2 para levar a oferta cultural ao exterior de diversos espazos da vila entre xullo e agosto con trinta e dous espectáculos para todos os públicos. O ciclo, nacido coa pandemia de 2020 e que é froito da ampliación da tradicional actividade de verán que incluía teatro e cinema familiar, terá este ano a súa edición máis normalizada trala fin das restricións da Covid dos dous últimos anos. O concelleiro de cultura Xosé Leal destaca que “o compromiso deste goberno é achegar a cultura a diversos lugares da vila, con actuacións que fomentan de xeito transversal valores esenciais como son a lingua, a igualdade ou o respecto polo medio. Unha vez máis buscamos a variedade na oferta con artistas consolidadas e outras máis emerxentes, cunha proposta paritaria”.

Ao igual que na pasada edición, o programa conta co financiamento da Deputación de Pontevedra, e no que os martes desde ás 21:30 horas desenvolverase o espazo escénico familias, con oito actuacións que van desde os monicreques ata a maxia, pasando polos contos e as acrobacias que farán as delicias da cativada. A estrea deste ano será o martes 5 na praza Massó con Títeres Alakrán co espectáculo “Pekeno Kabaret de tolos”, ao que seguirán nas vindeiras semanas as acrobacias de Su.Ma no exterior do Centro Social; Brais das Hortas con contos en Meiro; Dani García coa maxia en Massó; Raquel Queizas con coas súas historias en Sanamedio; Anxo Moure coa mensaxe de respecto polo medio en Beluso; Diáspora Teatro cos contos na Banda do Río; e pecharán o ciclo en Cela as historias de Marta Ortiz.

O cinema segue a ser unha aposta con títulos que mesturan a animación con historias cheas de humor que buscan agradar tanto á cativada como ás persoas adultas. Poderanse ver na rúa en xullo a partir das 22:30 horas os filmes “Valentina” na praza Massó; “Buscando a Dory” en Massó; “Verano 1993” en Meiro; e “Cuñados” en Massó; xa en agosto e ás 22:00 horas proxectarase “The farewell” en Sanamedio; “Mr. Link” en Massó; “Onward” en Beluso; e pecha “Spiderman. Un nuevo universo” en Cela.

Por segundo ano consecutivo, as contadas ou monólogos volven ser protagonistas os xoves a partir das 21:30 horas. A estrea será este xoves 7 con Marta Doviro en Massó; Rilo & Penadique subiranse ás táboas no exterior do Centro Social do Mar; Bea Campos estará en Meiro; Antía Costas volverá a ofrecer o seu monólogo en Massó; Diana Sieira achegará o seu espectáculo a Sanamedio; Isa Risco falará das súas Bravas en Beluso; Xurxo Souto e as súas historias do mar arribarán na Banda do Río; e pecha o gran Quico Cadaval en Cela.

Os venres volven a ter a música en galego a partir das 21:30 horas como protagonista cunha variada oferta. As potentes guitarras de Grilo abren a cita en Massó; La Quinkillada e os seus sons bailables de verán estarán no exterior do Centro Social do Mar; o dúo tradicional Acordeireta tocará en Meiro; o funk de Enxeito soará en Massó; a canción galega de Onte e Hoxe trasladarase a Sanamedio; o Coro Encaixe fará gozar á xente en Beluso; Lamontagne & Picoamperio traerán a súa proposta de músicas urbanas á Banda do Río; e pecha o ciclo en Cela a fusión de música tradicional e melodías europeas de Caldo.