Concurso #BueuTenPremio
Evento xa rematado
-
Inicio
19 diciembre, 2022
Evento todo o día -
Fin
7 enero, 2023
Evento todo o día
- O consistorio repartirá 600 € entre as persoas que participan nas categorías de vídeos de decoración de comercios, espazos públicos e fogares
- O concurso estará aberto en Instagram e TikTok e poderanse presentar vídeos dende o 10 de decembro e o 7 de xaneiro
O Concello de Bueu, a través das concellarías de cultura e promoción económica, pon en marcha de cara a este Nadal un certame de dinamización do Nadal, que pretende premiar as mellores propostas audiovisuais que poñan en valor a decoración dos establecementos comerciais e, doutra banda, a dos espazos públicos e fogares. A iniciativa xermola dende o grupo de goberno e conta coa colaboración de entidades como a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO) e a Asociación Veciñal da Banda do Río, e con ela búscase incrementar o espírito festivo nestas datas.
As bases do certame están xa dispoñibles na web municipal (www.concellodebueu.gal) e nas redes sociais Instagram e TikTok. Precisamente nesta última vénse de estrear hai apenas dous meses o Concello de Bueu co obxectivo de achegar a actividade municipal a novos públicos dunha forma amena.
O concurso segue unha dinámica similar ao #MergullándonosNoTikTok, organizado hai un mes no marco das xornadas de promoción da lingua galega. Baixo o cancelo de #BueuTenPremio, as persoas que o desexen poderán subir aos seus perfís sociais nestas redes os seus vídeos etiquetando ao @concellodebueu. O certame propón dúas categorías para participar: dunha banda, vídeos nos que se mostre a decoración navideña dos comercios locais, e doutra, creacións audiovisuais nas que se observe a decoración en fogares ou espazos públicos. Os obxectivos son a promoción e fomento do consumo nos establecementos locais a través das redes sociais, por ser unha forma dinámica de poder chegar o maior número de públicos posibles, e axudar aos comercios e establecementos da vila a integrarse e coñecer os beneficios da era dixital.
Segundo as previsións municipais, o certame estará en marcha dende a publicación das bases na web e nas redes sociais municipais ata despois de Reis, e os requisitos para participar serán moi doados. As persoas que queiran participar terán que ser maiores de16 anos, gravar un vídeo co máximo espírito de Nadal en galego, subilo ás redes sociais (Instagram, TikTok, ou ambos), mencionando @concellodebueu xunto aos cancelos #BueuTenPremio (obrigatorio), #NoNadalComercioLocal (se se participa na categoría de comercio) e #NoNadalEspazosLocais (se se participa na categoría de espazos e fogares). Os vídeos deben empregar a lingua galega, de forma escrita, oral ou musical, con contido orixinal e propio, cunha duración máxima de 120 segundos, estar localizables en Bueu, e non poderán conter acción violentas, apoloxía da violencia, mensaxes de odio ou de carácter ofensivo.
O Concello investirá 600 € que repartirá en seis vales de compra para gastar nos establecementos do Comercio do Morrazo, e premiaranse diversos vídeos dos que se valorarán a orixinalidade e o maior número de visualizacións. O xurado estará composto por representantes municipais, do comercio local e tecido asociativo e expertos no mundo audiovisual, e terán en conta a creatividade das pezas presentadas.