Concerto XV aniversario Dakidarría
Evento xa rematado
-
Data
10 noviembre, 2018
-
Hora
9:00 pm - 11:00 pm
O10 de novembro Bueu acollerá o concerto celebración do XV aniversario de Dakidarría. A exitosa banda miñorana propón unha velada na que non han faltar as grandes figuras do rock galego e estatal. O xardín das Lagoas de Bueu albergará unha festa de aniversario por todo o alto onde os Dakidarría percorrerán, nun extenso repertorio, a súa traxectoria musical que comezou no 2003 no “Concerto expansivo” organizado pola plataforma de artistas galegas “Burla negra” en protesta pola pésima xestión da crise do petroleiro Prestige. 15 anos nos separarán daquela noite no Bar Patos de Nigrán, 15 anos nos que o alcance desta formación multiplicouse de tal modo que hoxe en día podemos dicir que é o grupo de rock máis internacional da Galiza. Visitaron multitude de países e percorreron a península de arriba a abaixo actuando nos mellores escenarios que, naquel lonxano ano 2003, puideran imaxinar.
Baixo a gran carpa que se instalará no Xardín das Lagoas de Bueu os Dakidarría ofrecerán un concerto longo e diferente no cal, durante mais de 3 horas, subirán ó escenario tódolos excompoñentes así como multitude de artistas que, de ningún xeito, querían perder esta cita. Dende Valencia chegarán representantes de ASPENCAT e LA RAÍZ, dende Andalucía a enerxía festiva de Trashtucada, o pobo saharauí será representado polo rapeiro Yslem e da escena galega atoparemos a grandes artistas como García MC, High Paw, Nervo (Rebeliom do Inframundo), As Punkiereteiras, Ganjahr Family, Come (The Skarnivals), Suso (Soak), Xurxo Souto (Diplomáticos de Montealto), Vituco (Ruxe Ruxe), Esteban (Skacha), Paulo (Liska), Vudú, Trópico de Grelos, TNT ou artistas circenses como Jano, Isla Le Triska, Peter Punk ou a compañía A Saco Circo.
Ademais dos desprazamentos particulares chegarán autobuses a Bueu dende a maioría das cidades galegas. Ninguén quere perder esta cita que ademais ten entrada gratuíta. Como ben expresa Gabri “ Vai ser unha noite moi especial na que levamos tempo traballando. Será moi emocionante xa que recuperaremos antigas cancións, adaptaremos outras novas, será algo único e inesquecible para banda, público e colaboradores”.
A noite do 10 de Novembro promete ser, polo tanto, unha festa da música autoxestionada galega onde se darán cita as mellores voces do Punk, do Ska, do Rap e do rock galego e estatal para festexar que, hai 15 anos, unha marabillosa casualidade fixo que nacese Dakidarría, un grupo que está abrindo camiño e sendo capaz de levar o idioma, as reivindicacións e a cultura galega a metas que noutrora parecían inalcanzables.