Ciclo de conferencias «Miradas derredor»
Evento xa rematado
-
Inicio
9 agosto, 2023
8:30 pm -
Fin
30 agosto, 2023
10:00 pm -
Centro Social do Mar
Rúa de Montero Ríos, 36930 Bueu, Pontevedra
- As charlas desenvolveranse todos os mércores de agosto no Centro Social do Mar a partir das 20.30 horas
O Concello de Bueu organiza o ciclo de conferencias ‘Miradas derredor’, que se celebrará todos os mércores de agosto ás 20.30 horas no Centro Social do Mar, e que busca poñer en valor a historia da vila así como recuperar as súas voces culturais e literarias ao longo do tempo. A iniciativa, que naceu hai cinco anos, propón un achegamento temático a distintas cuestións e personalidades, todas elas con vínculos creativos e históricos coa vila de Bueu, que merecen ser recoñecidas, investigadas, promovidas e, pola súa xuventude e e talento, dándolles a oportunidade de ser coñecidas e admiradas.
O programa comezará este mércores, 9 de agosto, coa charla “Gonzalo Viana e a Xeración Ons”, na que Tito Garnelo, José Muñoz e Xaime Toxo presentarán ao artista, escultor, debuxante e navegante que mantivo ao longo do tempo unha relación humana e profunda coa Illa de Ons e a vila de Bueu. Así mesmo, falarase da illa de Ons como unha epicentro dunha comunidade humana e social que formou a toda unha xeración a cabalo entre a ditadura e a democracia.
O 16 celebrarase a mesa redonda “Texto e territorio III”, na que se continúa co diálogo entre a escrita e o locus onde se produce, ou de que maneira a pertenza a determinado espazo territorial e humano inflúe no feito estético de escribir, ficcionar, poetizar ou analizar a través da palabra impresa. Salvador Castro será o encargado de moderar o debate entre José Manuel Dopazo, Ramiro Agulla e Raquel Calviño.
O 23 seguirá “Arquitectura e paisaxe. Memoria e legado de Ramón Vázquez Molezun no seu centenario”, na que Francisco Rodríguez Pastoriza e María Molezún, filla do arquitecto, darán a coñecer a vida e a obra deste home e tamén a súa relación con Bueu, manifestada na súa vivenda no areal da Roiba, construción de alto recoñecemento arquitectónico, paisaxístico e artístico e considerada unha das iconas da vila.
O ciclo culminará o 30 de agosto co historiador local Arturo Sánchez Cidrás e “Biografías II: Bueu nos seus Alcaldes 1812-2023”, no que fará un percorrido histórico e humano das figuras que tiveron ao longo do tempo a responsabilidade de xestionar o goberno da vila de Bueu.
En definitiva, a proposta desta edición pretende continuar as sendas dos fíos con que se van tecendo un mapa espacial, textual, patrimonial e gráfico do devir do pobo de Bueu como comunidade humana.