Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Ciclo «A biblioteca íntima de…»

  • As charlas desenvolveranse de forma mensual cada martes ás 20.30 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar

O Concello de Bueu, a través da concellaría de arquivo e bibliotecas, organizará dende xaneiro a abril un ciclo de charlas no que catro bueueses e bueuesas vinculadas ao mundo dos libros falarán das súas bibliotecas persoais. As charlas desenvolveranse todos os martes cada mes ás 20.30 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar, e servirán para que estas persoas conversen arredor da súa experiencia lectora, da descuberta da lectura e desvelen algúns dos títulos que marcaron a súa biografía.

Esta iniciativa foi creada polo bibliotecario municipal de Bueu tomando como base outra similar que se levara a cabo hai anos na Biblioteca Nacional. Segundo destacou na rolda de prensa celebrada este venres José Ramón Núñez, bibliotecario municipal, “o obxectivo é que o público poida analizar de que forma os libros se cruzan na vida das persoas”. Así mesmo, Alberto Moital, edil da área, “este ciclo sérvenos para retomar o pulso da programación anual de biblitecas, que se freara con motivo da pandemia e do traslado da biblioteca con motivo das obras de ampliación”.

A primeira sesión será o 24 de xaneiro e correrá a cargo de Salvador Rodríguez, escritor e xornalista do Faro de Vigo especializado en cultura. A seguinte desenvolverase o 21 de febreiro con María Inés López Volpe, crítica literaria e fundadora da canle de YouTube “De cuatro hojas”; o 21 de marzo acompañaranos Xosé Bangueses García, fundador da libraría local Abrente e cunha longa traxectoria no mundo editorial galego; e o colofón será o 18 de abril, con Salvador Castro Otero, profesor de instituto e participante en moitos eventos relacionados coa cultura.

Esta actividade é aberta a toda a cidadanía e con ela búscase establecer un diálogo arredor dos libros e do papel que estes teñen nas vidas das persoas.