Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Campionato Galego de Traiñeiras

Evento xa rematado

  • O peirao da vila acollerá o sábado a partir das 17 horas as probas clasificatorias e o domingo ás 11 horas serán as finais
  • Agárdase a participación dunha trintena de clubs de toda Galicia, e de aquí sairán os clasificados para o Campionato de España de Traiñeiras

Bueu dará o pistoletazo de saída á tempada de traiñeiras coa celebración esta fin de semana do Campionato Galego de Traiñeiras, que encherá o peirao da vila con máis de cincocentos remeiros ao disputárense as probas das categorías de veteráns feminino e masculino, e absoluto feminino e masculino.

A organización agarda a participación dunha trintena de embarcacións dos clubes de toda Galicia. Segundo os datos da Federación Galega de Remo, en absoluto masculino, haberá barcos de CR Cedeira, CR Urme, CR Narón, CR Mecos, CR Chapela, CM Bueu, SD Samertolameu, CM Mugardos, CR Puebla, CCD Cesantes, CR Rianxo, SD Tirán, CR Ares, e CR Cabo de Cruz; na absoluta feminina, estarán o CCD Cesantes, CR A Cabana- Ferrol, SD Tirán, CR Rianxo, CR Chapela e CR Cabo de Cruz; en veteráns masculino, CCD Cesantes, CR Rianxo, CR Chapela, SD Samertolameu, AD Esteirana, CR Muros, CR Vila de Cangas e CR Cabo de Cruz; e en veteráns feminino, CR Cabo de Cruz e CR Puebla.

O campionato comezará o sábado, 8 de xuño, ás 17 horas coas probas clasificatorias, nas que se practicará a modalidade contra reloxo, a dúas rúas e saíndo os equipos de dous en dous e de minuto en minuto. Para a orde de saída tomarase a clasificación nas diversas Ligas de Traiñeiras na tempada anterior e no caso dos veteráns terase en conta a clasificación na correspondente na liga a 2 de xuño deste ano. Para a xornada final, que se celebrará o domingo ás 11 horas, clasificaranse os catro equipos que fagan o menor tempo en cada unha das categorías. Neste caso, as regatas serán en liña, a catro rúas, e en quendas non lanzadas.

O percorrido irá dende o peirao de Bueu ata a praia de Portomaior e as distancias variarán segundo a categoría: 2.778 metros para os veteráns e 5.556 metros para os absolutos.