Campaña de control de velutina
Evento xa rematado
-
Inicio
27 febrero, 2023
8:30 pm -
Fin
3 marzo, 2023
10:00 pm
- Os actos terán lugar entre finais de febreiro e comezos de marzo polas tres parroquias da vila, e repartirase material para as trampas
O Concello de Bueu e a Asociación Galega de Apicultura continúan coa colaboración anual para loitar contra a vespa velutina. Así, dende o colectivo comarcal inciden na necesidade de que a cidadanía se conciencie e inicie a colocación de trampas para previr a proliferación de niños. Os actos públicos desenvolveranse entre finais de febreiro e comezos de marzo nos diversos lugares e en todos eles ás 20.30 horas da tarde. Concretamente, as charlas arrancarán o 27 de febreiro na Casa do Pobo de Beluso, e continuarán o 28 na Casa da Aldea de Meiro, o 2 de marzo no Centro Sociocultural de Cela, e o 3 de marzo no Centro Social do Mar.
Xosé Leal, concelleiro de medio ambiente, anima aos veciños e veciñas de Bueu a participar un ano máis nesta campaña, “pois está demostrado que as trampas reducen nunha ampla proporción a proliferación de niños, e por iso temos que incidir na prevención máis ca na retirada”.
Segundo avanzan dende o colectivo apicultor, neses actos repartirase material para todas as trampas ata este ano repartidas e as trampas e material funxible da nova veciñanza ou reemprazos por deterioro das xa existentes. Para recoller o material recoméndase que as persoas asistentes traian bolsa a fin de evitar o uso innecesario de plástico.
Entre os obxectivos do programa están diferenciar a vespa velutina da vespa crabo, insecto autóctono e que permite controlar o avance da vespa allea; estudar os diferentes medios empregados no control e loita contra a vespa velutina; analizar os diferentes tipos de trampas, tanto industriais como artesanais; e repartir trampas e atraínte entre as persoas adheridas ao programa de trampeo sistemático.