Actos Día Internacional das Mulleres
Evento xa rematado
-
Data
8 marzo, 2024
-
Hora
12:00 pm - 11:00 pm
- O alumnado do IES Johan Carballeira lerá a declaración a favor dos dereitos laborais das traballadoras o 8 de marzo ás 12 horas durante a concentración na Praza do Concello
- O consistorio homenaxeará á Asociación de Mulleres Rurais, que este ano celebran o seu 30 aniversario
Coincidindo co Día Internacional das Mulleres, este venres celebrarase ás 12 horas unha concentración na Praza do Concello na que o alumnado do IES Johan Carballeira dará lectura á declaración a favos dos dereitos laborais das traballadoras. Inmediatamente despois, ás 12.30 h, o salón de plenos acollerá unha charla na que integrantes da Asociación Mulleres Rurais contarán a súa experiencia nun colectivo que cumpre trinta anos de vida, e na que o consistorio aproveitará tamén para renderlle unha homenaxe.
Durante todo o día, o Centro de Saúde de Bueu acollerá unha mesa violeta con información e resposta de dúbidas, e tamén se desenvolverá baixo a organización da Asociación Galaicas o III Paseo da Muller. Baixo o lema “Diferentes, pero iguais”, programaranse ao longo de toda a xornada diversas actividades, entre as que destaca o Circuíto de dous quilómetros en forma de 8M que sairá dende o Centro Social do Mar e con acreditación finisher para todas as que o rematen. Ademais, haberá sesións de zumba ás 19.30 e 20.45 horas, e ás 20.30 h sairá a II Milla da Muller, cun percorrido que partirá do Centro Social do Mar e irá ata a punta do peirao con volta ao inicio.
Xa despois, ás 21.30 horas, coa colaboración do Cineclub, proxectarase a película A Número Un, que se poderá ver de balde no Centro Social do Mar. Dirixido por Tonie Marshall, o filme conta a historia de Emmanuelle Blachey, unha brillante enxeñeira que conseguiu entrar no comité executivo da súa empresa e que busca conquistar a dirección dunha importante empresa que cotiza en bolsa, pero nese camiño toparase con moitos atrancos xa que as esferas do poder aínda continúan dominadas por homes. A través desta historia reflexiónase sobre o teito de cristal ou as desigualdades entre homes e mulleres no mundo empresarial.
Amais destas actividades, dende a concellaría de igualdade estanse a organizar dende o 19 de febreiro obradoiros de publicidade non sexista nos centros educativos, que buscan analizar o sexismo existente na publicidade e reflexionar sobre a cousificación do corpo da muller e os papeis masculinos e femininos baseados en estereotipos.
Para as máis lectoras ponse en marcha un taller de lectura arredor do libro Póker de D(r)amas, no que se recompilan os relatos gañadores dos Premios Matilde Bares. As mulleres que desexen participar deberán inscribirse nas dependencias do Centro de Información ás Mulleres ou no enderezo electrónico cim@concellodebueu.gal, e entregaránselles libros para a lectura.