Actos Día Internacional das Mulleres 2020
Evento xa rematado
-
Inicio
6 marzo, 2020
Evento todo o día -
Fin
15 abril, 2020
Evento todo o día
-
Dende a concellaría de igualdade continúan coa organización de certames educativos con motivo do 8 de marzo, un literario e outro de viñeta e ilustración
-
O venres, 6 de marzo, terá lugar un pleno pola igualdade, no que participarán o alcalde e o alumnado dos centros da vila
A concellaría de igualdade de Bueu, dirixida por Ana Isabel Otero Pastoriza, presenta a programación especial para o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, na que ten un papel salientable o alumnado dos centros educativos da vila, tal e como se vén facendo nos últimos anos. De aí que se convocasen dous concursos sobre a temática da igualdade no traballo dirixido aos máis novos e novas, e o próximo venres ás 11.00 h celebrarase un pleno pola igualdade, no que participarán o alcalde e o alumnado da vila.
Con motivo desta efeméride, no Centro Social do Mar poderase ver a exposición “Navegando libres. Mulleres para Pensarmos” do IES Politécnico de Vigo. A programación iníciase este venres, 6 de marzo, cando terá lugar o segundo pleno da igualdade, no que o alumnado dos centros educativos da vila interrogarán ao alcalde sobre diversos asuntos relacionados coa igualdade. Esta iniciativa, que xa tivera unha primeira edición o pasado ano, está incluída no I Plan de Igualdade Intercentros e fomenta a reflexión e a análise crítica dos rapaces e rapazas. Pola noite, e coa colaboración do Cineclub Bueu, proxectarase ‘A bicicleta verde’, o primeiro filme realizado por unha directora saudita, Haifaa Al Mansour, e que se poderá ver ás 21.00 h no Centro Social do Mar.
Continúan os eventos o luns, cando ás 12 horas se celebrará o acto no que o alumnado volverá ser protagonista. No Centro Social entregaranse os agasallos ás persoas gañadoras do XIV Certame de Viñeta e ilustración ‘A igualdade no traballo’ e do III Certame literario. Ademais, tal e como se fixo nos últimos anos, o CEIP Montemogos de Beluso será o encargado de preparar a declaración conmemorativa desta data.
O 13 de marzo, o Cineclub Bueu proxectará o filme ‘En deuda con todas’ ás 21.00 h no Centro Social do Mar. Ao día seguinte, presentarase o libro As fillas da Manola, de María López, que fora gañadora do Certame de Relatos de Muller Matilde Bares no 2018, nun acto que terá lugar ás 12 h na Sala Domínguez Búa.
Este ano os actos estenderanse máis alá do 8 de marzo e continuarán ata abril. Así, o 28 de marzo presentarase o Ciclo de Teatro Matilde Bares, e xa o 15 de abril, ás 20.00 h, farase entrega do premio a Eva Mejuto, gañadora da última edición do Certame de Relatos de Muller Matilde Bares cunha historia en homenaxe á que fora mestra de Bueu durante o século XX.