Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

I Xornadas pola diversidade afectivo – sexual

Evento xa rematado

O Concello de Bueu pon en marcha esta semana (do 28 ao 30 de xuño) as I Xornadas pola diversidade afectivo – sexual, cun programa que se estenderá ata o sábado e que busca crear conciencia do dereito de cada persoa a ser quen é.

Os actos oficiais arrancan este xoves 28 de xuño ás 20.30 coa colocación da bandeira multicolor no balcón da Casa Consistorial, seguido dunha sesión de cine con cinco curtametraxes que tratan o tema da diversidade e que foron seleccionadas pola Asociación FICBUEU. Así, a partir das 21.00 horas poderanse ver no Centro Social do Mar  “Change in the weather” (2015), dirixida por Muiris Crowley,  “De vuelta” (2015), de Gabriel Dorado, “En la azotea” (2015), de Damiá Serra, e “Fumando Espero” (2017) de J.A. Blanco.

O venres, a Sala Domínguez Búa acollerá ás 19.30 horas unha charla – coloquio divulgativa na que se falará sobre a “Diversidade sexual: dereitos e adversidades”, coas intervencións de Inés del Río, membro de Médicos do Mundo Galicia que nos falará sobre a diversidade de xénero na infancia e na adolescencia; Adriana Echeverría, de Amnistía Internacional, que presentará a loita polos dereitos LGTB no mundo; e Diego Quintela Sesar, de Avante LGTB, que abordará a situación en Galicia e o proxecto do que forma parte.

O sábado os actos trasladaranse á Praza Massó, onde está programado un coloquio literario con Eva Mejuto arredor do seu libro 22 segundos (Xerais) no que relata, en primeira persoa, anacos da infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos sabe –sen poñerlle etiquetas– que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer. Unha obra que busca visibilizar, desde a empatía, un colectivo de persoas historicamente silenciadas e denigradas que loita por que as leis –e a sociedade– deixen de consideralas enfermas.

Seguidamente, e como broche final, inaugurarase o “Espazo pola diversidade afectivo-sexual”, composto por xogos, con deseño de Ana Seoane, que emulan os de mesa e que buscan lograr a concienciación a favor dos dereitos das persoas do colectivo.