Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Festa das Alfombras 2023

Evento xa rematado

  • A tradicional festa das alfombras celebrarase a segunda fin de semana de xuño, concretamente o sábado día 10 e o domingo día 11
  • As persoas interesadas en participar na confección das alfombras poden solicitar no Concello material ata o 5 de xuño

A ‘Festa das Alfombras Florais 2023’, declarada como de Interese Turístico Galego, afiánzase en Bueu. O Concello de Bueu presentou este xoves o programa da ‘Festas das Alfombras Florais 2023’.

Esta celebración é promovida polo Concello, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, diversos colectivos e veciñanza. O sábado día 10 e o domingo día 11 de xuño serán as xornadas elixidas para a celebración da ‘Festa das Alfombras Florais 2023’, nas cales haberá música e, sobre todo, moita cor. Para levar adiante unha tradición coma esta e garantir o seu prolongamento no tempo, é precisa a unión cidadá na realización das alfombras e no gozo das diversas actividades.

A noite do sábado dará comezo a celebración da festa floral coa representación, ás 22 horas da obra ‘Habitarme’ da Compañía de Danza e Teatro Al lío, financiada pola Deputación de Pontevedra. A peza representarase no Centro Social do Mar e o acceso a esta será de balde ata completar aforo. ‘Habitarme’ é unha peza de danza teatro que, tal e como explican dende a fundación ‘Igual-Arte’, trata sobre mulleres diversas, ben habitadas, desexantes, facedoras, que cuestionan e que se cuestionan, sobre mulleres que desacomodan, que escollen moverse e buscar outros modos. A fundación artística integral‘Igual-Arte’ acolle a persoas con capacidades diferentes e xurdiu no 2002 baixo o cometido de abrir un espazo no cal as persoas con diversidade funcional puidesen expresarse de maneira artística. Á medianoite, dará comezo a tradicional elaboración das alfombras florais por parte da veciñanza e dos colectivos. Os tapices florais atravesarán o casco urbano e serán contemplados pola procesión, a cal sairá dende a Igrexa de San Martiño e continuará polas rúas Ramon Bares, Pazos Fontenla, Francisco Escáneo, Montero Ríos, Eduardo Vincenti, rematando en Santán, cun percorrido no que haberá catro altares.

O domingo día 11 será a última xornada da ‘Festa das Alfombras Florais 2023’. Ás 18 horas celebrarase na Igrexa de San Martiño a misa solemne do Corpus Christi, na cal cantará a Coral Polifónica de Bueu. A continuación desenvolverase a tradicional procesión desta festividade, que estará acompañada pola Banda de Música Artística de Bueu. O párroco do municipio anima á poboación a participar no acto relixioso e acompañar na procesión. Pola noite, concretamente ás 21 horas, no aparcadoiro das Lagoas, a cidadanía poderá gozar e bailar ao ritmo da orquestra pontevedresa ‘La Oca Band’ , que será a encargada de pechar unha fin de semana marcada pola tradición e a arte efémera.

A Festa das Alfombras de Bueu é de Interese Local dende o ano 2002 e Festa de Interese Turístico Galego dende o 2017, declarada pola Axencia Galega de Turismo. Con máis dun cento de anos de antigüidade, a festa das alfombras aínda traslada a tradición ao municipio bueués. As carrozas que se elaboraban na antiga carpintaría da fábrica Massó forman parte das lembranzas dos veciños e veciñas da vila. Nestes últimos anos, as alfombras medraron e tamén se espallou o seu coñecemento por todo o mundo.

Últimos días para solicitar material para a elaboración de alfombras

As persoas interesadas en confeccionar alfombras florais poden cubrir o formulario creado polo Concello para a solicitude de material ata o 5 de xuño. Este pódese atopar e completar no propio concello, en formato físico, e a través da web (concellodebueu.gal), en formato electrónico. Entre o material dispoñible, atópase trigo, cebada, xices, cola e rotuladores. O Concello alenta á veciñanza, as asociacións e a outros colectivos a participar e colaborar na confección das alfombras florais e así manter viva unha tradición con moita historia ás súas costas.