Eva Mejuto gaña o XI Certame de Relatos de Mulleres Matilde Bares
- A obra leva por título ‘Matilde’ e resultou seleccionada de entre as sete presentadas ao certame
- O concurso iniciouse no 2005 coma unha homenaxe á mestra Matilde Bares e para reflexionar sobre a igualdade e a violencia de xénero
Eva Mejuto resultou gañadora do XI Certame de Relatos de Muller Matilde Bares coa obra titulada Matilde. O xurado, conformado por Álex Alonso, Pepa Mosteiro e Jorge García Marín, reuniuse este luns pola tarde nas dependencias do Centro de Información ás Mulleres, onde decidiron elixir este relato de entre os sete presentados. Del destacaron que “está escrito cunha gran sensibilidade e que enxalza a través da súa protagonista a vida e obra de Matilde Bares ao tempo que describe unha viaxe pola vila de Bueu e a súa realidade nos anos trinta”. Así mesmo, describen que “constitúe unha historia que contén unha grande carga emocional, do renacer cada día da desolación e alcanzar a esperanza”.
A autora pontevedresa farase cunha dotación económica de 1.500 euros e a publicación do libro. Este certame ten como obxectivos fomentar a igualdade entre homes e mulleres, a corresponsabilidade nas obrigas familiares e sociais e o debate arredor da violencia de xénero, e supón unha das principais liñas de actuación do goberno local en materia de igualdade.
O premio rende unha homenaxe a Matilde Bares, mestra de labor recoñecida que se esmerou na preparación de ata tres xeracións na vila morracense, ademais de organizar actividades culturais e grupos de teatro. Nos seus inicios, este concurso erixiuse como unha referencia no sector literario, e ten premiado a persoas destacables no campo da cultura e a novas voces.
Eva Mejuto conta cunha ampla traxectoria no ámbito editorial, tanto por ter formato parte de proxectos editoriais como na publicación de historias para público infantil e xuvenil, caso de 22 segundos, onde aborda o tema da transexualidade, ou Memoria do silencio, sobre a historia das irmás Touza de Ribadavia, entre outras moitas.
Biografías do xurado
Álex Alonso é Licenciado en Filoloxía Galega e Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, e na actualidade traballa como tradutor intérprete da Administración de xustiza na Audiencia Provincial de Pontevedra. No 2010 resultou gañador do Certame de Relatos de Muller Matilde Bares coa obra Xénero imperfecto. Amais dese premio, acadou outros, de entre os que destacan o Premio de narrativa curta Ánxel Fole do Concello de Lugo por Tempos de bebidas isotónicas e fast-food, ou o XXXI Premio Torrente Ballester de Narrativa en Lingua Galega da Deputación da Coruña coa obra Granito.
Pepa Mosteiro García é profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago e do Máster Universitario en Igualdade, Xénero e Educación. A súa tese titulada “Elaboración de un modelo causal explicativo de las diferencias de género en la elección de estudios superiores” obtivo o premio extraordinario. É membro do Centro Interdisciplinar de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da Universidade de Santiago, e traballou no CIM de Bueu. Ten impartido, ademais, cursos de formación sobre igualdade para a administración autonómica e entidades locais, amais de publicar diversos libros sobre este campo.
Jorge García Marín exerce como profesor titular do departamento de socioloxía da Universidade de Santiago. Amais, é investigador en diferentes proxectos sobre xénero como “Muller e Cambio Social en Galicia” ou “Análise dos roles de xénero nos videoxogos máis demandados polos adolescentes galegos”. Membro fundador e secretario do Centro Interdisciplinar de estudos feministas e de xénero de Santiago, recentemente vén de publicar coa editorial Galaxia o libro Papá, por que non pintas as unllas de cores, no que reclama a formación nas masculinidades disidentes.