Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu iniciou este luns os obradoiros de memoria

  • As actividades acollen a un total de setenta e cinco persoas, a cifra máis alta dos últimos anos
  • Xosé Leal, concelleiro de cultura e educación, visitou ao primeiro dos grupos e destacou a aposta do goberno local polas políticas sociais activas

O Concello de Bueu comezou este luns cos obradoiros de memoria nos que participan setenta e cinco persoas maiores. O concelleiro de cultura e educación, Xosé Leal, asistiu este luns á inauguración dun dos grupos do Centro Social do Mar, onde destacou “a gran acollida desta actividade, que se vai afianzando ano a ano e que cada vez conta con máis inscricións”. O edil fixo fincapé nestas propostas que “teñen aos nosos maiores sempre presentes”. No acto non puideron estar presentes nin o alcalde nin a concelleira de benestar social, por motivos persoais.

As persoas inscritas divídense en catro grupos. Na biblioteca do Centro Social do Mar, o primeiro deles será o luns, de 11.00 a 12.30 h e o venres, de 10.00 a 11.30 h; o segundo, os luns e mércores de 9.30 a 11.00 h; e o terceiro, os martes e xoves de 10 a 11.30 h; e na Casa do Pobo de Beluso, un grupo que desenvolverá as actividades os os martes e xoves de 10.00 a 11.30 h.

A iniciativa, que forma parte da implementación de políticas sociais activas do goberno local bueués, ten como obxectivos o fomento do envellecemento activo, o aumento na calidade de vida, o coñecemento de novas actividades de ocio e tempo libre, a mellora nas relacións sociais, etc.

Os talleres lévanse a cabo por parte dos Centros de Día Pescadoira e Centro de Día Contigo, ambos con sede en Bueu. A través deles, as persoas participantes seguirán as propostas de Estimulación Cognitiva, que buscan intervir nas funcións intelectuais que se poden ver afectadas. Así mesmo realizarán tarefas de debuxo, de construción de modelos, de xestos e mímica, de praxias cognoscitivas, actividades con música, exercicios sensoriais, e outros de relaxación e respiración.