Esta semana comezou o pavimentado da rúa A Pedra
- Félix Juncal, alcalde da vila, visitou este mércores as obras de mellora integral, acompañado de edís do goberno e dos técnicos municipais
- A actuación, que foi adxudicada por un importe de 289.902,86 euros, estará culminada ao longo do mes de febreiro
Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitou esta mércores as obras de mellora integral que se están levando a cabo na rúa A Pedra, onde se comezaron os traballos de asfaltado coa primeira capa. Segundo salientou o rexedor, que estivo acompañado polos técnicos municipais e os edís do goberno Xosé Leal e Silvia Carballo, a próxima semana procederase a botar a segunda capa de rodadura, todo iso a expensas das condicións climatolóxicas. Tamén esta semana, previsiblemente se remataría co pavimento de formigón no primeiro tramo, o que coincide co acceso á rúa.
A actuación de mellora integral na rúa está supoñendo “un cambio notable sobre todo a nivel visual”, en palabras do alcalde e tamén concelleiro de obras e servizos. Unha vez executados estes traballos, continuarase coa colocación do canaleta en formigón, e procederase a reforzar a recollida das augas pluviais coa inclusión de dúas rexillas no tramo de subida ao Centro de Saúde para que as augas vaian mellor canalizadas.
O goberno local bueués salienta que na medida das posibilidades estase procurando manter aberta a rúa ao tráfico no horario de entrada e saída dos centros educativos, tanto do colexios de A Pedra, como dos institutos Illa de Ons e Johán Carballeira.
O obxectivo desta actuación é mellorar o acceso e a circulación de persoas con mobilidade reducida así como aumentar os anchos das beirarrúas, suprimindo tamén as barreiras arquitectónicas e implementando a sinalización tanto horizontal como vertical. Así mesmo, está contemplada a creación dunha área de aparcadoiro que permitirá o estacionamento de máis de cen vehículos.
As obras foron adxudicadas por un importe de 289.902,86 euros, IVE engadido, a Construcciones Obras y Viales SA e realízanse con cargo ao Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (Plan Depo-Remse) da Deputación de Pontevedra.
Esta rúa soporta un alto grao de mobilidade diaria xa que na súa contorna se ubican moitos centros de elevada atracción: o CEIP Plurilingüe A Pedra, os dous institutos (Johán Carballeira e Illa de Ons), o centro de saúde e o Pavillón Municipal Pablo Herbello. Isto xera unha gran cantidade de tráfico rodado e peonil nunha rúa cunha estrutura insuficiente para garantir unhas condicións de seguridade viaria e de accesibilidade universal.