Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello activa o plan de mantemento e acondicionamento dos espazos públicos

O Concello de Bueu está activando un plan de mantemento e acondicionamento de espazos públicos como os parques, xardíns e prazas. Segundo salienta Félix Juncal, alcalde da vila e encargado da área de obras e servizos, o obxectivo é anticipar os traballos que se viñan facendo coa primavera.

Estas actuacións estanse levando a cabo por parte do persoal municipal e co apoio da Asociación Juan XXIII, no marco dunha subvención da Deputación de Pontevedra. Así, tras a parada polas festividades de Nadal, estase procedendo á rexeneración de xardíns, así como ao baldeo da Praza Massó, que se irán estendendo a outros espazos públicos, e incrementándose de cara á primavera.

Chamamento ao civismo

Por outra banda, desde a alcaldía faise un chamamento para que a cidadanía respecte e coide os espazos públicos. Juncal alerta de que están proliferando moito as imaxes de excrementos de animais domésticos polas rúas, polo que é necesario que “cambiemos esta estampa deteriorada por outra de espazos públicos máis coidados, ordenador e limpos”, apunta.

O rexedor lembra que desde o consistorio se organizara hai uns anos unha campaña de sensibilización que consistira na colocación de carteis e na inclusión de papeleiras específicas para os excrementos dos animais.