Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Cultura programa unha Freguifesta segura na Banda do Río para este domingo 20

Ao non celebrarse este ano as festas da Banda do Río na honra a Santa Ifixenia a concellería de Cultura decidiu organizar unha Freguifesta de pequeno formato para este domingo 20 de setembro con música, espectáculo infantil e verbena cumprindo coa medidas de seguridade ante o Covid.

A Comisión de Festas Patronais de Bueu, ao igual que o resto de comisións da vila, non leva a cabo este ano as súas tradicionais celebracións na Banda do Río por mor da Covid-19. Ante esta situación o Concello optou por facer unhas actuacións de pequeno formato baixo o paraugas das Freguifestas para que o barrio bueués teña unha pequena celebración ao igual que Ermelo, Bon, Beluso, Cela – en Ons as limitacións só permitiron a actuación dunha charanga- gardando todas as medidas de seguridade.

Deste xeito os actos comezarán ás 12 horas cun concerto no interior do estaleiro de Purro do grupo Sabela and the Heartbreakers, incluído no ciclo Acervos Sonoros que financia a Xunta de Galiza a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e que busca levar a música a lugares que destacan pola súa importancia patrimonial. Trátase dun trío musical que fan blues e que está conformado por Sabela King (voz e ukelele), Ramón Figueira (armónicas) e Benjamín Vázquez (guitarras). Os músicos, integrantes de grupos como The Lakazáns farán un concerto íntimo e intenso que fai un repaso polos temas máis emblemáticos do blues, country e o soul ata chegar á actualidade, adaptando versións dos clásicos destes xéneros xunto a temas propios.

Pola tarde a rapazada terá ás 18:00 horas un contapintacontos con Olalla González e Marc Taeger tamén no estaleiro situado no barrio da Banda do Río. Ao igual que no concerto de mañá será de obrigado cumprimento o estar sentado durante toda a celebración do espectáculo, portando a correspondente máscara a partir dos 6 anos.

Para rematar a cita festiva ás 21:00 horas a pista da Banda do Río acollerá unha verbena por parte do grupo local Distrito 7 no cal se fará un control do acceso e desinfección ao igual que os outros espectáculos, aínda as parellas poderán bailar sempre empregando a máscara.

A cita conta tamén coa colaboración da Comisión de Festas Patronais de Bueu, ademais de coa citada Xunta de Galiza e remárcase a obriga de respectar todas as medidas de seguridade e hixiene marcadas pola organización e as propias autoridades sanitarias.