Bueu quenta motores para o Campionato Galego de Bateis que acolle esta fin de semana
- No campionato agárdase a participación de 25 clubes galegos con diversas embarcacións da zona norte e sur
- As tandas clasificatorias disputaranse o sábado a partir das 17 horas, e as finais, o domingo ás 11 horas.
O peirao de Bueu será o escenario dunha das probas do calendario de bateis máis importantes. Esta fin de semana disputarase na vila morracense o Campionato Galego de Bateis, que organiza a Federación Galega de Remo, o Club do Mar Bueu- Teccarsa e o Concello de Bueu. Precisamente, este xoves tivo lugar a rolda de prensa para a presentación do evento, na que participaron Félix Juncal, alcalde da vila, Ricardo Verde, concelleiro de deportes, Manuel Juncal, presidente do Club do Mar Bueu- Teccarsa, José Manuel Seijas, presidente da Federación Galega de Remo, e Daniel Benavides, Xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra.
O campionato disputarase a dobre xornada: o sábado terán lugar as clasificatorias a partir das 17.00 horas, e o domingo, as finais, que se poderán seguir dende as 11.00 horas, cunha ruta que irá dende a Banda do Río ata a zona de Beluso. Tal e como salientou José Manuel Seijas, dende a Federación Galega de Remo, “clasificaranse os dous primeiros bateis de cada categoría para a final do domingo, e o mellor terceiro tempo”.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, mostrou o orgullo da administración local porque se celebre este evento que “nos demostra o gran traballo do deporte de base e da proxección que queremos facer da nosa vila”. Juncal lembrou o percorrido do remo en Bueu “cun club que compite ao máximo nivel e que merece o recoñecemento de todo un pobo”. O Concello apostará neste campionato por un dispositivo de seguridade especial, no que haberá dous circuítos diferenciados de entrada e saída, amais de varios sectores para controlar os fluxos de persoas, coa finalidade de garantir que o evento decorra con plenas garantías.
Daniel Benavides, xefe provincial de deportes, apuntou que “o deporte é seguro e conta con todos os protocolos”, ao tempo que fixo fincapé no labor que fixeron xa dende a liga pasada dende o club bueués, cun gran traballo de base e social. Pola súa banda, Manuel Juncal, presidente do Club do Mar Bueu – Teccarsa salientou que “o percorrido desta regata será moito máis visible dende o peirao, e esperamos estar á altura do que esta proba merece”.
No campionato tomarán a saída primeiramente as traiñeiras de Alevín feminina, Infantil feminina, Cadete Feminina, Xuvenil feminina e Absoluta feminina; e seguidamente as de Alevín masculino, Infantil masculino, Cadete masculino, Xuvenil masculino e Senior masculino. A organización agarda a participación de embarcacións de vinte e cinco clubs da zona norte e sur: C.R. Cabo de Cruz (7 embarcacións), C.R. A Cabana Ferrol (4 embarcacións), C.R. Mecos (5 embarcacións), S.D. Samertolameu (6 embarcacións), C.R. Chapela (7 embarcacións), C.R. Puebla (5 embarcacións), C.R. Narón (2 embarcacións), C.R. Rianxo (6 embarcacións), C.R. Celeiro (2 embarcacións), C.C.D Cesantes (1 embarcación), C.R. Virxe da Guía (1 embarcación), C.R. Ares (5 embarcacións), C.R. Vilaxoán (1 embarcación), C.R. Muros (2 embarcacións), Amegrove C.R.D.C (2 embarcacións), C.D Mariñeiro de Mera (1 embarcación), C.R Meira (2 embarcacións), S.D. Tirán (3 embarcacións), C.R. Vila de Cangas (1 embarcación), C. Regatas de Perillo (2 embarcacións), C.R. Robaleira (2 embarcacións), C.R. Náutico de Riveira (2 embarcacións), C.N. Boiro (1 embarcación), C.R. Arealonga (1 embarcación), e Club do Mar Bueu – Teccarsa (3 embarcacións).