Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu presenta o cartel da Festa das Alfombras Florais do Corpus, que se celebrará o 2 de xuño

  • A imaxe gráfica deste ano foi deseñada polo artista local Marc Taeger e a través dela homenaxéase ás xentes que confeccionan as alfombras
  • Nas próximas semanas, o Concello aprobará unha convocatoria de axudas por participación na elaboración das alfombras

A menos dun mes para a celebración, o Concello de Bueu presentou este venres o cartel oficial da Festa das Alfombras Florais do Corpus 2024, nun acto no que estiveron presentes Carmen García, concelleira de cultura, Marc Taeger, artista que deseñou o cartel, e diversos alfombristas.

O cartel deste ano foi elaborado polo artista local Marc Taeger e reflicte o espírito colaborativo desta festa que conta cunha historia de máis de cen anos de antigüidade, e que foi declarada como de Interese Local no ano 2002 e, desde o 2017, tamén Festa de Interese Turístico Galego pola Axencia Galega de Turismo. Carmen García destacou que “o que queremos é poñer en valor o traballo colaborativo e de unión de todo un pobo ao longo do tempo, motivo polo cal estamos traballando nunha exposición de fotos antigas no adro da igrexa”.

Marc Taeger explicou que “co cartel búscase homenaxear ás xentes que durante tantos meses traballan na preparación e elaboración das alfombras”. De feito, a imaxe reflicte a diferentes persoas que fan tarefas como recollida da flor e do material, a preparación do mesmo e a confección das alfombras. Para levar a cabo este deseño, Taeger baseouse en fotos antigas grazas ás que tirou a conclusión de que “o importante da festa son as persoas”, e que no cartel se expresan con diversas cores “de xeito que existen moitas interpretacións”.

Precisamente o cartel deuse a coñecer hoxe cando pola tarde comezarán as ‘Xornadas de Alfombrismo do Corpus’, que terán lugar a partir das 17 horas na Praza Massó e nas que poderán participar os veciños e veciñas que o desexen, sen límite de idade, que aprenderán todo o proceso de confección das alfombras, dende a preparación do material, a recollida, elaboración de plantillas, tamizado e tintura. E o sábado continuarán tamén á mesma hora coa confección das alfombras.

Axudas por participación na elaboración de alfombras

O Concello de Bueu leva meses traballando, xunto aos colectivos de alfombristas da vila, para conseguir incrementar a participación na elaboración de alfombras. Por este motivo, nas próximas semanas se aprobará unha convocatoria de axudas para persoas e colectivos. Estas axudas de participación, para as que se destina un crédito de 9.000 €, dividiranse en dúas liñas: 4.500 € repartiranse en contías económicas por participar e elaborar alfombras de tamaños 3 x 5 metros, 3 x 10 metros e 3 x 15 metros. A outra parte, do mesmo importe, destinarase a bonos comercio que se entregarán ás persoas participantes e coas que se reforzará o comercio de proximidade.

Os premios por participación estarán dirixidos a aquelas persoas ou colectivos que realicen as alfombras dentro do percorrido marcado para a festividade de 1,4 quilómetros, e que abrangue as rúas de Pazos Fontenla, Eduardo Vincenti, Montero Ríos, e Francisco Escáneo.