Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu lembra a Johan Carballeira no 88º aniversario do seu fusilamento

  • Este xoves, 17 de abril, terá lugar a habitual ofrenda floral xunta o monumento de Johan Carballeira, na Banda do Río

Coincidindo coa celebración do 88º aniversario do fusilamento de Johan Carballeira, o Concello de Bueu e a Asociación de Amigos de Johan Carballeira organizan unha homenaxe que se desenvolverá este xoves, 17 de abril.

Ese día, ás 12.30 horas celebrarase a habitual ofrenda floral xunto ao monumento dedicado a Carballeira e que se sitúa na entrada da praia da Banda do Río. Alí, as persoas asistentes lembrarán a este home, que foi alcalde de Bueu antes do golpe de estado do 1936, amais de poeta e xornalista sempre a favor das causas xustas. No monumento depositarase un ramo de flores que lembra o seu fusilamento acontecido o 17 de abril de 1937 no monte da Caeira, en Poio, no mesmo día que outros veciños da vila, caso de Avelino Chapela Soliño e Manuel Chapela Couso, canteiros de A Portela, e Manuel Graña Pouseu, líder do sindicato CNT en Bueu.

No acto participarán o historiador Xosé Álvarez Castro, autor de diversos libros sobre memoria histórica e represión na provincia de Pontevedra, e a violinista Lía Vilas.

Colocación de ‘Stolpersteine’ en memoria dos falecidos no campo de Mauthausen

Continuando cos actos de reivindicación da memoria, o Concello de Bueu xa recibiu dende Alemaña as dúas placas Stolpersteine, que está previsto que se coloquen proximamente no monumento de Carballeira, na Banda do Río, e que lembrarán aos dous veciños bueueses falecidos no campo de concentración Mauthausen – Gusen.

Os veciños son José Ferradás Pastoriza, veciño de Beluso e falecido o 20 de setembro de 1947, e Manuel Rey Cruz, veciño de A Graña e falecido o 20 de maio de 1947.