O Concello de Bueu organiza ‘Contos na biblioteca’ para seguir dinamizando as bibliotecas da vila
- As sesións celebraranse varios días ás 18.00 horas nas tres bibliotecas municipais co obxectivo de dinamizar e achegar a lectura á cativada
- O programa desenvolverase o 22 de abril, na Biblioteca de Bueu; o 29 de abril, na de Beluso; e o 8 de maio, na de Cela
O Concello de Bueu segue a promover o uso das bibliotecas municipais como espazos de encontro e lecer con propostas para o público miúdo. Para iso organiza unha nova xeira de “Contos na biblioteca”, que terá tres sesións de contacontos entre abril e maio nas tres bibliotecas municipais e coas que se celebrarán diversas efemérides, caso do Día do Libro, o Ano Castelao ou as Letras Galegas.
A iniciativa, que se insire no marco do programa “Ler conta moito” da Xunta de Galicia, leva organizándose dende hai dous anos con gran éxito de público e con propostas que mostran que as bibliotecas son lugares ideais para compartir e vivir novas vidas. Dende a concellaría de cultura e bibliotecas, dirixida por Carmen García, preséntanse agora tres novas obras que encherán as bibliotecas de amor polas palabras co fin de achegar a lectura á cativada.
O programa estenderase durante tres días ás 18 horas nas tres bibliotecas municipais. Así, a primeira das actividades será “Os contos do gato” de Bandullo Azul, da que se poderá gozar o 22 de abril na Biblioteca Municipal de Bueu. Nela, o gato Fazulas virá cunha chea de contos para a cativada e toda a familia.
A el encántalle compartir historias que el mesmo vive como se fose o protagonista, e por iso narracontos e moitas cancións.
A seguinte será o martes 29, á mesma hora, na Biblioteca Municipal de Beluso, coa actividade “Atlántico, a viaxe da nosa vida” de Un mar de cores. Nela descubrirase as cousas de nenos que contan os debuxos de Castelao. Unha actividade que celebra os procesos migratorios que caracterizan Galicia de onte a hoxe, a riqueza na diversidade, o encontro, e toda unha aventura chea de amor e identidade autorreferencial do autor a moitos galegos e galegas.
O programa rematará o xoves 8 de maio na Biblioteca Municipal de Cela, onde se poderá gozar da obra “Dende Rosalía ata as cantareiras” de A xanela do maxín, na que se pon en valor o legado das mulleres excepcionais homenaxeadas nas Letras Galegas, dende Rosalía de Castro ata as cantareiras. Mulleres que deixaron unha pegada imborrable na literatura e no teatro galegos e que destacaron pola súa creatividade, compromiso e contribución á nosa rica cultura.
A información sobre as actividades pode consultarse completa na web de Ler Conta Moito.