O peirao de Bueu acolle esta fin de semana o XL Campionato Galego de Bateis
- O sábado 19 de abril serán as clasificatorias ás 10.30 horas, mentres que o domingo se disputarán as finais a partir das 11 horas no peirao da vila
O peirao de Bueu será o escenario dunha das probas do calendario de bateis máis importantes. Esta fin de semana, 19 e 20 de abril, disputarase na vila morracense o XL Campionato Galego de Bateis, que organiza a Federación Galega de Remo, o Club do Mar Bueu- Simei e o Concello de Bueu, co apoio da Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra. Precisamente, este martes tivo lugar a rolda de prensa para a presentación do evento, na que participaron Félix Juncal, alcalde de Bueu, Ricardo Verde, concelleiro de deportes, Manuel Juncal e Alberto Chapela, integrantes da directiva do Club do Mar Bueu- Simei, Juan Zunzunegui, da Federación Galega de Remo, Javier Tourís, deputado de acción comunitaria, equipamentos públicos, fondos europeos e Estación Fitopatolóxica Areeiro, e Daniel Benavides, Xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra.
O campionato disputarase a dobre xornada: o sábado terán lugar as clasificatorias a partir das 10.30 horas, e o domingo, as finais, que se poderán seguir dende as 11.00 horas, e no que participarán noventa e seis barcos participantes, de 14 clubs do norte e 11 do sur. Deste evento sairá a clasificación dos que irán ao Campionato de España de Bateis que se celebrará en Castro Urdiales.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, deu os parabéns ao Club do Mar de Bueu “porque se hai uns anos nos din que Bueu ía ser a sede de tantos campionatos importantes, non o creriamos”. Juncal destacou que “estamos diante dun evento no que conflúen todos os valores que representamos, como a colaboración entre as administracións, a capacidade de organizar actividades con gran participación, e tamén o labor de igualdade para contar con equipos tanto masculinos como femininos na competición”.
Manuel Juncal, presidente do Club, salientou que “é unha honra para o noso club organizar un dos eventos máis vivos de todo o remo, pero no que tamén hai moito esforzo e traballo”. Juan Zunzunegui, dende a Federación Galega de Remo, apuntou que no campionato coinciden todas as categorías do remo, dende alevín a absoluto, e que hai un gran nivel de competición.
Daniel Benavides, xefe provincial de deportes, identificou esta proba como “a gran festa do remo, na que tamén se demostra a súa boa saúde, tanto do presente coma do futuro, pois nela conflúe todo o seu músculo”. Na mesma liña interveu o deputado provincial Javier Tourís, quen reivindicou que “estes eventos son un bo escaparate da provincia” e que dende a institución se leva a cabo unha gran aposta polo deporte, coa posta en marcha de dous Plans Extraordinarios para Infraestruturas Deportivas e tamén axudas para clubs deportivos, das que se beneficia o Club do Mar.
