Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu continúa co reparto de composteiros individuais entre a cidadanía

  • Unha vintena de veciños e veciñas reciben os composteiros solicitados da man da mestra composteira da Mancomunidade
  • O goberno local apostou no 2016 de forma firme pola compostaxe e xa conta con tres centros comunitarios de tratamento e xa son máis máis de catrocentas as vivendas que dispoñen de composteiros individuais

O Concello de Bueu repartiu este venres un total de vinte e catro composteiros individuais (COIN) entre a veciñanza da vila que os solicitara. Paula Casal, mestra composteira do ente supramunicipal, foi a encargada de facer o reparto no Centro Social do Mar, onde explicou o funcionamento destes recipientes de reciclaxe. No acto tamén estivo presente Isabel Quintás, concelleira da área de xestión de residuos, así como o responsable da empresa concesionaria do servizo de mantemento dos centros de compostaxe comunitaria.

Os composteiros entregados hoxe foron adquiridos, como vén sendo habitual durante este ano, con cargo á subvención concedida con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Entre os obxectivos que se pretenden acadar están tratamento por compostaxe da fracción orgánica producida nas vivendas, así como reducir a entrada no circuíto de xestión do lixo do concello de calquera tipo de residuo orgánico biodegradábel, e prover dos materiais necesarios para implantar o tratamento ‘in situ’.

Así búscase que cada vez unha maior poboación se adhira a este sistema. Por iso lémbrase á cidadanía interesada que se poderán seguir solicitando composteiros de balde, a través dun formulario web dende a web municipal ou enviando un correo electrónico a compostaxe@concellodebueu.gal.

O Concello de Bueu comezou no 2016 cunha política exhaustiva para dotar ao maior número posible de composteiros nas vivendas e, segundo os datos do departamento, xa son máis de catrocentos os COIN entregados.

Así mesmo, o goberno local apostou pola instalación de tres centros de compostaxe comunitaria a través do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, situados na zona das Lagoas, na rúa Xosé María Estévez, e no centro de Beluso, que contan cunha gran aceptación social por parte das persoas usuarias.